Comesaña sinala o déficit de médicos de familia e a reforma do actual sistema de saúde pública como principais retos do Sistema Sanitario Nacional

Así o explicou no Foro sobre Innovación do Sistema Sanitario, no que responsables sanitarios autonómicos abordaron os retos do actual modelo autonómico

O responsable da Sanidade galega reiterou que é preciso que o Goberno central adopte medidas efectivas para solucionar os problemas que posúe o sistema Nacional de Saúde

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá en Madrid no Foro sobre Innovación do Sistema Sanitario, un evento no que conselleiros de Sanidade de diferentes comunidades e responsables do Sistema Nacional de Saúde abordaron os retos do actual modelo sanitario autonómico.

Durante o encontro, o titular da carteira sanitaria da Xunta remarcou que a Sanidade nacional afronta dous grandes retos de cara o futuro. O primeiro deles, reformular o modelo de Saúde Pública actual, para poder contar cunha mellor preparación ante unha posible nova pandemia e; sobre todo, o déficit de profesionais en especialidades como a Medicina familiar ou a Pediatría.

García Comesaña remarcou para resolver estas necesidades “é esencial que exista colaboración e coordinación entre todas as administracións”. Neste senso, lamentou que o Goberno de España non adoptase aínda medidas efectivas para afrontar estes retos, e que non se concretasen as grandes reformas que o Sistema Nacional de Saúde precisa.

Entre as mesmas, o conselleiro subliñou que se debe reformar o sistema que distribúe as prazas MIR; cambiar os criterios de acreditación das unidades docentes; implantar xa a especialidade de Urxencias; e ademais que flexibilizar o sistema, para que os efectos de todos estes cambios poidan notarse canto antes.

“É hora de que o Goberno de España afronte en serio os problemas, con medidas que non poden seguir esperando porque a situación é urxente”, incidiu Comesaña, en alusión á demora que están a sufrir a posta en marcha dos acordos acadados, por unanimidade, no Consello Interterritorial celebrado en abril do ano 2018.

Segundo apuntou o conselleiro outro dos grandes retos a abordar de xeito inminente é a reforma do sistema de Saúde Pública. “Temos que estar máis preparados no caso de que teñamos que afrontar futuras pandemias” insistiu, ao tempo que explicaba que Galicia xa está a dar pasos en firme na procura deste obxectivo. En concreto, coa futura posta en marcha Centro Galego para o Control de Prevención de Enfermidades que reforzará a vixilancia epidemiolóxica e a capacidade de anticipación na nosa comunidade, e ademais, co Observatorio Galego de Saúde Pública, unha plataforma que, tras ser licitada o pasado ano, permitirá divulgar e compartir información epidemiolóxica e de Saúde Pública.

No que atinxe ao sistema de financiamento sanitario, avogou por fixar un novo modelo que, tras contar co consenso das comunidade autónomas, atenda os factores determinantes e específicos dos distintos territorios, como poden ser, a súa dispersión poboacional, a orografía ou o nivel de envellecemento da poboación.

Ademais, e sobre a necesidade de que se establezan criterios comúns de planificación e organización a nivel nacional, Comesaña explicou que “o Ministerio de Sanidade debe de estar ao servizo das demandas que teñen quen xestiona o día a día da atención sanitaria, impulsando as reformas necesarias no sistema para melloralo”.

Innovación e medidas relevantes

Entre os temas abordados no Foro organizado por Novartis, os seus participantes tamén afondaron sobre algunha das medidas relevantes que se adoptaron nos últimos anos a nivel sanitario polas distintas administracións públicas.

O responsable do Sergas destacou a posta en marcha, a principios de 2022 da Autoridade Europea de Preparación e Resposta ante Emerxencias Sanitarias (HERA), un ente cuxa estrutura contribuirá a previr, detectar e responder rapidamente ás emerxencias sanitarias e; por outra banda, a medida pioneira artellada pola Xunta de Galicia para paliar o déficit de médicos, ao convocar, mediante o sistema de concurso de méritos, 106 e 423 novas prazas fixas de facultativo.

No eido da innovación, Comesaña avogou pola creación dunha Axencia Española de Innovación e Calidade Sanitaria, unha institución que contase cun observatorio de resultados e que manteña un rexistro das iniciativas innovadoras xeradas no Sistema Nacional de Saúde. Así, e segundo abundou o conselleiro, a través desta axencia poderíanse desenvolver os mecanismos necesarios para o seguimento e a avaliación da calidade asistencial, incorporando resultados en saúde, establecendo requisitos, criterios de calidade e procesos que proporcionarían resultados homoxéneos para todo o Sistema Nacional de Saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2023