A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos mozos que participan nesta proposta, que forma parte da campaña de verán do Goberno galego

A Xunta promove a práctica de actividades náuticas entre a mocidade no campamento de verán de As Sinas

Nesta iniciativa proponse o contacto coa natureza e o medio mariño a través da práctica da vela, do piragüismo ou o caiac polo, entre outras actividades

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 7 de xullo de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo esta maña coas mozas e mozos que desfrutan estes días do período estival no albergue xuvenil As Sinas, no que se está a desenvolver a primeira das cinco quendas de estadías que organiza a Xunta de Galicia nestas instalacións dentro da súa campaña de verán. Este campamento leva por nome ‘O mar que imaxinas’ e propón o contacto coa natureza e o medio mariño, cun programa que inclúe a práctica de actividades como vela, táboa, piragua ou caiac polo, entre outras.

Cristina Pichel explicou que a través da campaña de verán o Goberno galego cumpre un dobre obxectivo: ofrecer á mocidade unha ampla programación de ocio seguro e educativo para que desfrute do seu tempo libre despois de completar o curso académico e facilitar a conciliación das familias. Así mesmo, apuntou que esta programación estival axuda a dinamizar o sector do tempo libre.

Baixo o lema ‘O verán que sempre vas lembrar’, a proposta da Xunta para os meses de xullo, agosto e setembro conta con 11.200 prazas entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ‘Coñece Galicia’, intercambios con outras Comunidades Autónomas e outras actividades.

Campo de voluntariado

A directora xeral aproveitou para visitar tamén aos participantes no campo de voluntariado que ten lugar neste municipio e que utilizan como aloxamento as instalacións de As Sinas. Este campo, que comezou o pasado martes e se desenvolverá ata mediados deste mes de xullo, é de temática medioambiental e mariña.

Co título ‘Salvemos o mar’, esta proposta de verán céntrase na recuperación ambiental da costa desde a praia da As Sinas ata o porto de Vilanova de Arousa, pasando polas praias do Bao e da Braña, así como a illa da Insuíña e a área de bateas de Vilanova.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2023