Lete Lasa destaca a evolución do ciclismo galego que esta fin de semana celebra o seu Campionato Autonómico de cadetes, júnior e féminas

O mandatario galego destacou esta proba como unha das máis importantes do calendario autonómico ao xuntar a 140 corredores e corredoras que terán que afrontar un esixente percorrido que pasará polos concellos do Rosal e da Guarda e no que deberán subir o Alto da Portela, no caso dos júnior, ata tres veces

O Rosal (Pontevedra), 6 de xullo de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de participar na presentación do Campionato Galego de Ciclismo para as categorías cadete, júnior e féminas que terá lugar este domingo día 9 no Rosal.

 

O mandatario galego destacou esta proba como unha das máis importantes do calendario autonómico ao xuntar a 140 corredores e corredoras que terán que afrontar un esixente percorrido que pasará polos concellos do Rosal e da Guarda e no que deberán subir o Alto da Portela, no caso dos júnior, ata tres veces.

 

Lete Lasa subliñou a importancia deste tipo de campionatos dirixidos aos deportistas de base e ás mulleres, precisamente dous colectivos que están a aumentar no ciclismo galego e que amosan, por unha banda, que o futuro está garantido e, por outra, que o deporte feminino está a medrar considerablemente. De feito, o titular do Deporte galego lembrou que “o ciclismo galego foi capaz de superar unha pandemia aumentando as súas licenzas nun 8 %, pasando das 7.780 en 2019 ás 8.433 en 2021, e aumentando as licenzas femininas nun 20 %”. Do mesmo xeito apuntou que, segundo o Barómetro da Bicicleta en España 2022, xa son case a metade as mulleres que usan a bicicleta, unha porcentaxe que en 2019 apenas superaba o 40 %.

 

O secretario xeral para o Deporte lembrou algúns dos fitos do deporte galego como as 33 etapas galegas de La Vuelta nos últimos dez anos ou a consolidación de O Gran Camiño como a volta profesional de Galicia cos mellores ciclistas do mundo. Así tamén agradeceu o traballo do Club Ciclista do Rosal que organizou este campionato da man da Federación Galega de Ciclismo.

 

Ás 11 da mañá, os cadetes correrán unha proba de 60 quilómetros; ás 13 da tarde, as mulleres cadetes, júnior e máster, realizarán o mesmo percorrido; e por último, ás 16,30 da tarde, os júnior e a mulleres elite e sub23 realizarán un percorrido máis amplo de 108 quilómetros.

Data de actualización: 06/07/2023