Os produtos das empresas Lácteos Ferrado Verde e Quesería Artesanal Ruta Xacobea contan xa co certificado de Galicia Calidade

Ana Méndez, xerente do organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, fixo entrega do selo de garantía a estas dúas compañías do grupo TGT, situadas en Santa Comba e O Pino

Santa Comba (A Coruña), 6 de xullo de 2023

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou hoxe o certificado de uso desta marca a dúas empresas do sector lácteo, Lácteos Ferrado Verde e Quesería Artesanal Ruta Xacobea.

Ana Méndez reuniuse cos responsables de ambas compañías nas instalacións de Lácteos Ferrado Verde, situadas en Santa Comba (A Coruña), para facer entrega do selo que avala o uso do selo nos seus produtos. Tamén poderán incluír a nova sinalización coa que se identifica ás empresas adheridas nas súas fachadas, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

Lácteos Ferrado Verde e Quesería Artesanal Ruta Xacobea pertencen ao grupo TGT (Teodoro García Trabadelo), que se dedica á elaboración e distribución de queixos desde hai máis de 50 anos. Baixo a marca Lácteos Ferrado Verde comercialízanse distintas variedes de queixos galegos con denominación de orixe: tetilla, Arzúa-Ulloa e San Simón. Pola súa banda, Quesería Artesanal Ruta Xacobea é unha empresa de nova creación con instalacións no Pino (A Coruña), onde se elaboran queixos da denominación de orixe Arzúa- Ulloa.

Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 150 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2023