O presidente asiste á entrega dos premios Aegama e ao IX Encontro Internacional de Empresarios Galegos no Mundo

Rueda salienta a contribución dos empresarios galegos na construción da Galicia potente que bate récords en exportacións

Resalta a Estratexia de internacionalización 2021-2025, a Lei de simplificación administrativa e a carteira de proxectos industriais de Galicia como mostras do compromiso da Xunta co tecido empresarial

O Grove (Pontevedra),  5 de xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este mércores a contribución dos empresarios galego, tanto aos do exterior como aos que operan dentro da Comunidade, na construción da “Galicia potente” que bate récords en exportacións. “Na Xunta sempre teredes unha man amiga para avanzar cara unha Galicia máis próspera”, afirmou, durante a súa intervención na entrega de premios da Asociación de Empresarios galegos de Madrid (Aegama) e IX Encontro Internacional de Empresarios Galegos no mundo.

Rueda puxo en valor o bo comportamento da economía galega malia todos os atrancos –a pandemia, a suba das materias primas e enerxía, entre eles—, tras lograr recuperar o PIB previo á Covid antes que o conxunto de España, o récord de exportacións rexistrado no primeiro cuadrimestre deste ano tras un 2022 histórico na materia e o crecemento da riqueza por riba do previsto en 2023 e superior ao 2% en 2023.

Por outra banda sinalou que, xunto coa gastronomía, o Camiño de Santiago ou os récords turísticos, os empresarios representan a busca constante da excelencia por parte dos galegos, e citou como exemplo aos galardoados: a José Manuel Rodríguez Lomba, un “empresario feito a si mesmo na emigración” que preside de hipermercados Olé, unha das principais cadeas de distribución alimentaria en República Dominicana; e Manuel Gómez Franqueira, presidente de Coren e un “galego con visión” que apostou polo rural para erguer unha das maiores cooperativas agroalimentarias de España.  

“Sabedes mellor ca ninguén que os éxitos son froito do sacrificio, do compromiso e do talento”, agregou o presidente, quen, ademais de agradecer o labor das asociacións de empresarios galegos, reeditou apoio do Goberno autonómico a aqueles que crean riqueza e emprego.  

Así, salientou a Estratexia de internacionalización 2021-2025, a Lei de simplificación administrativa que axiliza os trámites burocráticos sen renunciar á seguridade xurídica e os proxectos tractores que optan a fondos europeos, 25.000 millóns de euros que o Goberno central mantén “embalsados”, á espera de reparto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2023