A conselleira de Política Social e Xuventude respondeu a unha pregunta oral sobre esta cuestión hoxe no Parlamento galego

Fabiola García sinala que a Xunta ampliou a vixencia dos certificados de familia monoparental ata os dous anos

A Xunta ten impulsado nos últimos anos medidas para achegar máis beneficios a este tipo de familias que teñen o recoñecemento de familias de especial consideración

Estase a elaborar un decreto coa colaboración das entidades deste ámbito para darlle seguridade xurídica e establecer un proceso único para o acceso a posibles beneficios
 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, sinalou que a Xunta ampliou este ano a vixencia do certificado de familia monoparental ata os dous anos para darlle máis facilidades a este tipo de familias. Así o manifestou esta tarde no Pleno do Parlamento de Galicia onde respondeu a unha pregunta oral sobre esta materia.

A conselleira apuntou que o Goberno galego traballa para impulsar máis medidas de apoio e protección a estas familias que en Galicia están recoñecidas como familias de especial consideración desde o ano 2011. Neste sentido, lembrou que coa Lei de Impulso Demográfico, do ano 2021, ampliouse o seu concepto a aquelas nais ou pais con custodia exclusiva, reciban ou non unha compensación económica para o sustento dos seus fillos.

Fabiola García destacou que esta medida permitiu quintuplicar o número de certificados emitidos ata os 2.800 e achegar así beneficios a máis familias. Así mesmo, a conselleira fixo fincapé en que a Xunta está a traballar da man das organizacións deste ámbito nun decreto que lle dea seguridade xurídica a estas familias e fixe un proceso único para o acceso a posibles beneficios.

Lei estatal

Por outro lado, lembrou que a elaboración deste decreto viuse paralizada polo anuncio do Goberno central dunha nova Lei de familias de carácter estatal que afectaría tamén ás familias monoparentais. “Por prudencia decidimos agardar a ver que acontecía con esta normativa estatal antes de proseguir co decreto autonómico”, afirmou a conselleira. Esta normativa nacional está nestes momentos paralizada pola convocatoria de eleccións.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2023