Lorenzana insta ao Executivo central a achegar certezas cos fondos europeos para desenvolver os proxectos estratéxicos cos que conta Galicia

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, pide ao Goberno do Estado que rectifique o centralismo e a falta de planificación na xestión dos fondos europeos de recuperación

Sinala que desde a Administración autonómica se seguirá traballando para facer de Galicia un foco de atracción de iniciativas no ámbito da economía verde e dixital
 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023.- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, sinalou esta tarde no Parlamento que cómpre que o Executivo central achegue certezas para poder desenvolver os proxectos tractores estratéxicos cos que conta Galicia, e que rectifique o centralismo e a falta de planificación na xestión dos fondos europeos de recuperación.

Lorenzana incidiu en que desde a Administración autonómica se seguirá traballando para facer de Galicia un foco de atracción de iniciativas no ámbito da economía verde e dixital, ofrecendo a máxima axilidade administrativa e ofrecendo ao tecido produtivo medidas de apoio para seguir crecendo e creando emprego de calidade no actual contexto de transición.

A responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego salientou a oportunidade que brindan os fondos europeos Next Generation, e lembrou que Galicia conta cunha carteira de proxectos liderados por compañías que son socios-colaboradores indispensables para a Xunta no propósito de desenvolver o binomio industria-sustentabilidade.

Neste sentido, subliñou que en Galicia “hai iniciativas, hai capacidades, hai visión de futuro e hai un traballo conxunto” entre a Administración autonómica e as empresas para crear riqueza e emprego, demandando unha cogobernanza real e efectiva dos fondos europeos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2023