A Xunta e o Concello de Frades investirán 48.000 euros nas reformas do centro de saúde de Ponte Carreira e do consultorio de Abellá

Conselleiro e alcalde asinaron os convenios para reformar integralmente a cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira e executar a substitución dos toldos e a impermeabilización da cuberta no consultorio de Abellá

O investimento será cofinanciado ao 50 % por ambas administracións

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, asinaron esta mañá dous convenios de colaboración nos que se establecen as bases do cofinanciamento por importe total de mais de 48.000 para levar a cabo as obras de renovación integral da cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira, e a substitución dos toldos e impermeabilización da cuberta do consultorio de Abellá.

No caso do centro de saúde de Ponte Carreira prevese o levantado do actual material de cubrición, composto por chapas de aceiro precalado e policarbonato, así coma un peto de fábrica de ladrillo perimetral, que fai as funcións de canalón oculto, prolongando os faldóns de cuberta ata o exterior, e evitando deste xeito as filtracións de auga de chuvia. A nova cuberta será a base de placas translúcidas planas de policarbonato celular cunha transmisión de luminosidade do 90% fixadas mecanicamente sobre a base existente e paneis sandwich illantes de aceiro.

Polo que se refire ao consultorio de Abellá, substituiranse os toldos existentes por uns novos monobloc con brazo extensible de ancoraxe variable, con lona acrílica e acondicionamento motorizado e tamén levarase a cabo a impermeabilización da cuberta exterior na zona de acceso mediante a execución dunha cuberta plana non transitable, non ventilada, e autoprotexida de tipo convencional.

No acto de sinatura, no que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez e pola directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, o conselleiro agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar ambos convenios, con tempo suficiente para que se poidan licitar as obras e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes contarán cuns centros de saúde mellores e máis confortables. 

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-. En particular, o Concello de Frades recibiu no 2022 a cantidade de 15.629 euros para financiar o mantemento das instalacións sanitarias.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Infraestruturas de atención primaria na provincia de A Coruña

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 113 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 que están actualmente en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia, Porriño e CIS Olimpia Valencia en Vigo). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de A Covada (Oleiros), Espasante (Ortigueira), Vilarmaior, Agualada (Coristanco), Novo Mesoiro (A Coruña), Sigüeiro (Oroso), As Somozas, O Temple (Cambre), Buño (Malpica), Galeras (Santiago), Villarodís (Arteixo), O Portádego (Culleredo), A Capela, Ares, A Laracha, Milladoiro (Ames), Melide e Narón e reformáronse os de Cambre, Padrón, Serantes (Ferrol), Ortigueira, As Pontes, Mugardos ou Bertamiráns (Ames).

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 M€ para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2023