A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, respondeu hoxe no Pleno do Parlamento a unha interpelación sobre a política do Goberno nesta materia

Ethel Vázquez pon en valor o Plan de Transporte Público de Galicia, que realiza 2,3 millóns de expedicións ao ano e acadou en 2022 un 8 na puntuación dos usuarios

Salienta as 3.555 liñas, as 3.694 rutas e as máis de 56.000 paradas que están activas neste momento

Destaca as tarifas máis económicas e uniformes en todo o territorio ademais da tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis, ou as bonificacións do 50% que se aplican desde o mes de setembro e continuarán ata fin de ano

Incide na mellora permanente dos servizos para adaptarse ás necesidades cambiantes dos usuarios, e na mellora da accesibilidade a través do portal bus.gal, que chegou a superar as 215.000 consultas mensuais

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, puxo en valor o Plan de Transporte Público de Galicia, que realiza 2,3 millóns de expedicións cada ano e acadou en 2022 unha puntuación dun 8 no nivel de satisfacción dos usuarios.

Vázquez Mourelle respondeu hoxe no Pleno do Parlamento a unha interpelación sobre o transporte público por estrada de titularidade autonómica, na que subliñou tres aspectos fundamentais da política do Goberno: o interese do Executivo galego no seu bo funcionamento; que os viaxeiros estean satisfeitos co servizo que se lles presta e se convertan en usuarios recorrentes; e que as concesionarias cumpran escrupulosamente as condicións establecidas no contrato.

Afirmou que todas estas condicións, en termos xerais, se está a cumprir nas 3.555 liñas, 3.694 rutas e máis de 56.000 paradas que están activas nestes momentos. Un servizos, reiterou a conselleira, que son ben valorados polos usuarios, chegando o índice de satisfacción a preto dun 8.

Explicou que o Plan de Transporte Público de Galicia é un plan vivo, en mellora constante, para adaptarse ás necesidades cambiantes dos usuarios. Esta capacidade de adaptación ponse de manifesto en que se ten pasado de 3.379 liñas operativas en 2020 ás 3.555 actuais; e das 51.461 paradas de 2020 ás 56.081 que hai a día de hoxe.

O Plan de Transporte Público de Galicia supuxo, ademais, tarifas máis económicas e uniformes en todo o territorio, con importantes descontos para os usuarios. Fixo fincapé nas bonificacións do 50% que se veñen aplicando desde o pasado mes de setembro e que se manterán ata finais de ano, ou na tarxeta Xente Nova, coa que 142.000 menores de 21 anos viaxan de balde no transporte autonómico. 

Incidiu, ademais, na mellora da accesibilidade do buzón de suxestións e de incidencias do portal bus.gal realizada recentemente, atendendo unha demanda do Parlamento galego. Detallou que no mes de maio esta páxina web contabilizou 116.000 consultas, aínda que foi no mes de setembro de 2022 cando marcou o récord, con 215.888 consultas rexistradas.

Na súa intervención, a titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse tamén ao traballo da Xunta para garantir a supervivencia do sector a través da inxección de liquidez coa concesión de axudas extraordinarias por importe de 65 M€ para paliar os efectos da pandemia e para compensar o incremento excepcional do custo do combustible. 

Outro asunto abordado pola conselleira na súa resposta parlamentaria foi o seguimento exhaustivo que a Xunta vén facendo dos servizos que realizan as concesionarias, ao dispoñer, no marco do Plan de Transporte, de ferramentas administrativas de control e de sanción, en caso de incumprimento.  

Resaltou a importancia do SAE, o sistema de axuda á explotación, neste labor de control, dado que permite comprobar xa o 96% das expedicións en tempo real, o cumprimento dos servizos e os pasos por cada parada.

A conselleira fixo fincapé na transparencia e proceso rigoroso que se seguiu na licitación dos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia. Lembrou que, ata o de agora, nos seus pronunciamentos o Tribunal Superior de Xustiza en Galicia en ningún momento cuestionou o proceso de contratación.

Resaltou, tamén, que a licitación se dividiu en 127 lotes para favorecer a participación de pequenas empresas e que puideran concorrer en condicións competitivas, xa que en 70 deses 127 lotes licitados só se lles exixía dispoñer de 10 ou menos vehículos para a prestación do servizo.

Ethel Vázquez amosou o respecto da Xunta aos pronunciamentos xudiciais. Explicou, non obstante, que o servizo de transporte da Xunta componse de 184 contratos (entre os contratos de Educación e Mobilidade) dos que só 3 correspondentes á Consellería de Educación teñen un pronunciamento xudicial a favor dos demandantes, é dicir apenas representan un 2% .

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2023