O presidente da Xunta deu conta nas preguntas no Pleno do Parlamento sobre os obxectivos estratéxicos do Goberno autonómico

Rueda destaca que as propostas para participar na sociedade mixta que xestionará proxectos enerxéticos xa superaron amplamente o obxectivo inicial de 20 M€

Subliña que aproveitar “a potencialidade de Galicia” nas enerxías renovables “é un dos obxectivos estratéxicos” da Xunta

Tres de cada cinco grandes empresarios galegos amosaron o seu interese en participar nesta sociedade ao abeiro da Lei de recursos naturais

O obxectivo desta normativa é garantir que os beneficios socioeconómicos do aproveitamento de recursos naturais reverten na comunidade

Destaca como outros retos da lexislatura consolidar Galicia como destino turístico, aproveitar os fondos europeos, seguir a conter o déficit público ou adaptar a oferta educativa á demanda do mercado laboral
 

Santiago de Compostela,  5 de xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe a boa acollida da sociedade mixta creada polo Goberno galego para xestionar proxectos enerxéticos ao abeiro da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. Durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, Rueda asegurou que as propostas de capital privado recibidas para participar nesta entidade xa superan “amplamente” os 20 millóns “que se marcaran como obxectivo inicial”.  

Tras pechar o pasado día 30 de xuño o período inicial de captación de investimentos privados, tres de cada cinco grandes empresarios galegos amosaron o seu interese en incorporarse a esta sociedade público-privada.

O obxectivo da Lei de recursos naturais é que os beneficios socioeconómicos do aproveitamento destes recursos -como os proxectos que fan uso intensivo da auga, iniciativas mineiras ou as enerxías renovables- revertan en Galicia. Para iso, a normativa contempla a creación desta sociedade mixta -na que se blinda a posición do control da Xunta- que poderá ser titular de proxectos de aproveitamento dos recursos. Á hora de seleccionar as empresas que van conformar esta sociedade terase en conta o seu arraigo en Galicia, é dicir que teñan o seu centro de decisións na comunidade, e un dos requisitos imprescindibles é que a súa fonte principal de ingresos non sexan actividades enerxéticas.

Durante a súa intervención, Rueda destacou que un “dos obxectivos prioritarios” do Goberno galego é “seguir aproveitando a enorme potencialidade de Galicia en enerxías renovables”. E para iso, destacou o importante labor da sociedade público-privada que bota a andar e que, tras o interese acadado entre as empresas, asegurou que demostra que “o tecido social” confía no Goberno autonómico.

Ademais, o presidente salientou no Parlamento outros obxectivos estratéxicos da Xunta como seguir consolidando a Galicia como destino turístico, adecuar a oferta formativa á actual demanda do mercado laboral, seguir contendo o déficit público “para seguir baixando impostos e consolidar servizos” e permitir que o tecido empresarial galego poida aproveitar os miles de millóns de fondos europeos que aínda están sen xestionar por parte do Executivo central. Neste caso, Rueda lembrou que “hai 30.000 millóns de euros embalsados” destinados á industria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2023