O goberno galego apoia o VI KiteFest Cesantes Trofeo Xunta de Galicia que converterá de nova a ría de Vigo en referencia nacional do deporte náutico

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este martes na presentación da proba na praia de Cesantes

Redondela, 4 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este martes na presentación da sexta edición do KiteFest de Cesantes que terá lugar entre os vindeiros 7 e 9 de xullo. A representante autonómica destacou que estas tres xornadas lúdicas e didácticas orientadas ao kitesurf xa están “consolidadas en tempo récord como un atractivo do verán” en Redondela

Ana Ortiz explicou que ademais de ofrecer unhas “imaxes inigualables”, o evento tamén fomenta “unha fin de semana de convivencia e entretenemento” tanto para practicantes como para os espectadores. “Este é un valor engadido que debemos apoiar polo que supón para difundir os valores do deporte, ademais das actividades destinadas exclusivamente aos participantes”, sinalou.

Igualmente, destacou que o KiteFest Cesantes xa está consolidado como un dos eventos de referencia do deporte en España e converteuse no máis multitudinario da zona norte da península, polo que o obxectivo da organización para o 2023 será seguir crecendo como evento e situar Cesantes e Galicia como “referente e capital” deste deporte.

Nesta nova edición do evento, o KiteFest suma unha xornada máis, a do venres, que estará destinada a adestramentos, test de material e inscricións. Durante o sábado e o domingo completaranse diversas probas puntuables para o Circuito Gallego de Kitesurf en formato regata para as diferentes categorías con posibilidade de Medal Race o domingo para as divisións de kite en función das condicións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2023