O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes compareceu a no Parlamento de Galicia para dar conta das actuacións en materia de deporte

Galicia supera o milleiro de deportistas de alto nivel e chega a cifras de récord en todas as súas categorías

Diego Calvo destaca o bo momento do deporte galego con cifras récord en número de deportistas, deporte base, alto nivel, tecnificación, becas, atención, patrocinios, igualdade, infraestruturas e orzamento

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia a petición propia para informar das liñas de acción do seu departamento en materia de Deportes. Na intervención destacou que, tras a publicación no Diario Oficial de Galicia o pasado venres da resolución pola que se recoñecen as persoas deportistas galegas de alto nivel (DGAN), alto rendemento e rendemento deportivo de base de Galicia e diferentes colectivos deportivos, a comunidade conta con 1.013 deportistas recoñecidos nas diferentes categorías, un número nunca antes acadado.

 

Así, co nomeamento de 171 novos deportistas recoñecidos nas diferentes categorías, Galicia amosa récords en todos os recoñecementos: 805 de alto nivel, 64 de alto rendemento deportivo, 107 de rendemento deportivo de base, 15 técnicos, 7 árbitras; 5 xuízas e 10 vitalicios. Diego Calvo destacou que estas cifras históricas obedecen á flexibilización de criterios e á inclusión de novas categorías no decreto do alto nivel de Galicia de 2020 e que recoñece o alto rendemento, o rendemento deportivo de base e inclúe ás figuras de adestradores, xuíces e árbitros, así como o DGAN vitalicio.  

O vicepresidente primeiro destacou tamén o número crecente de mulleres recoñecidas, que xa suman preto do 40% do total de deportistas. Ademais, subliñou o pulo da Xunta ao deporte adaptado, xa que tras esta última resolución, os deportistas galegos de alto nivel con diversidade funcional chegan ata os 26, o número máis alto da serie histórica.

O aumento dos deportistas galegos de alto nivel foi un dos fitos destacados por Diego Calvo na comparecencia, na que enumerou un decálogo de grandes logros acadados pola Xunta en materia deportiva. Así, sinalou que Galicia hoxe conta con “máis deportistas, máis deporte base, máis alto nivel, máis tecnificación, máis becas, máis atención, máis patrocinios, máis igualdade, máis infraestruturas e máis orzamento ca nunca”. 

O vicepresidente primeiro fixo fincapé no incremento das persoas que en Galicia fan deporte de xeito federado, sexa a nivel absoluto ou no deporte de base, especialmente tras ter vivido unha situación de pandemia. Hoxe, o deporte galego conta con case 300.000 licenzas federativas, un 30% máis que en 2021 e por riba dos rexistros históricos de 2019. Neste sentido destacou o incremento das licenzas femininas, xa que en 2009 representaban o 18% do total e hoxe xa supoñen o 25%.

En canto ao deporte base e ao programa Xogade, que xunta a oferta deportiva escolar e federada para a rapazada de entre 6 e 16 anos, informou de que hoxe xa son 135.000 os nenos e nenas mutualizados que fan deporte grazas á Xunta, unha cifra que tamén supera o récord prepandemia que se situaba en 128.00 nenos en 2019.

A tecnificación, un requisito innegociable

Canto ao estado do deporte galego, Diego Calvo subliñou ademais a importancia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, centro de excelencia do deporte galego, no que se preparan 168 deportistas. O vicepresidente primeiro cifrou en 3M€ o mantemento anual das instalacións e salientou que a tecnificación do deporte galego tamén medra máis aló do CGTD, cos seus dous principais satélites -o Complexo de Regatas David Cal de Verducido e o Centro Galego de Vela en Vilagarcía-, así como cos oito Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) xa aprobados e que se atopan a pleno rendemento.

Diego Calvo uniu os bos resultados do deporte galego coas axudas e o apoio que os deportistas reciben das administracións. Así, tras lembrar que en 2022 se acadou a máxima contía para as bolsas para os deportistas galegos de alto nivel, lembrou que o pasado xuño publicouse a nova convocatoria de axudas que nesta edición chega aos 500.000 euros para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024 así como ao resto de deportistas DGAN con resultados nos anos 2022 e 2023.

Durante a súa intervención, aproveitou para detallar que o Plan de patrocinio publicitario de equipos de alta competición 2023 conta cun orzamento de 3,5M€, a contía máis elevada desde que se puxo en marcha na tempada 2009/2010. Este Plan, que leva repartidos preto de 37M€ entre os equipos de alto nivel de Galicia, xa triplica os equipos patrocinados na súa primeira edición. Ademais, o Plan de patrocinio publicitario de equipos femininos xa vai pola súa cuarta edición, moi ligado á Campaña NON contra a violencia de xénero que a Xunta leva anos impulsando con federacións, clubs e deportistas.

A Oficina de Atención ao Deportista e novas infraestruturas

Por outra parte,  anunciou que en breve se presentará de xeito oficial a Oficina de Atención ao Deportista, un espazo de referencia onde atender e asesorar a deportistas sobre os recursos e servizos á súa disposición e que contará co apoio das tres universidades galegas, co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e coa Consellería de Emprego e Igualdade.

Todas estas melloras son posibles, dixo o vicepresidente primeiro, grazas a unha aposta da Xunta polo deporte sen precedentes. De feito, o deporte galego acada en 2023 o maior orzamento da serie histórica superando os 44M€, un orzamento que se incrementa un 36% con respecto a 2022 e supera por vez primeira os 41,2 millóns de 2009. Deste montante, case 20 millóns de euros, máis do 45%, destínase ás infraestruturas deportivas porque “os nosos deportistas precisan adestrarse nas mellores condicións”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2023