A delegada territorial da Xunta en Ferrol informou desta orde de subvencións durante a visita a un inmoble da rúa Arce

Martina Aneiros recorda que ata o 17 de xullo poden solicitarse as axudas para mellorar a accesibilidade en viviendas e edificios residenciais

Esta convocatoria da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé incentivos de ata 18.000 euros para facilitar a adaptación exterior e interior de inmobles residenciais

A contía da subvención será variable en función da tipoloxía e características dos inmobles obxecto de intervención e das circunstancias persoais dos seus residentes

Ferrol, 4 de xullo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, lembrou que ata o próximo 17 de xullo se poden solicitar as axudas autonómicas para a mellora da accesibilidade en vivendas e edificios residenciais. Aneiros informou desta convocatoria da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que prevé incentivos de ata 18.000 euros para facilitar a adaptación exterior e interior de inmobles residencias no marco dunha visita a un edificio na rúa Arce, en Ferrol na que estivo acompañada da xefa territorial da consellería, Cristina Carrión.

Aneiros lembrou que esta orde de axudas conta cun orzamento de 9 millóns de euros e unha previsión de 1.700 vivendas beneficiarias en toda Galicia. “O obxectivo é apoiar economicamente aos solicitantes no financiamento de intervencións e obras que contribúan a eliminar barreiras arquitectónicas ou faciliten o acceso tanto en vivendas unifamiliares como en edificios de uso colectivo”, indicou Aneiros, que avanzou que as actuacións se poden levar a cabo dentro dos propios inmobles, pero tamén en espazos comúns e naqueles que serven para comunicalos co exterior.

Poderán beneficiarse destes apoios económicos as persoas físicas donas, usufrutuarias ou inquilinas dos inmobles, as comunidades de veciños, as sociedades cooperativas e as empresas construtoras, propietarias ou arrendatarias dos edificios.

Segundo recolle a convocatoria, serán subvencionables actuacións como a instalación de ascensores, salva escaleiras, ramplas ou mecanismos motorizados para a apertura de portas; as reformas dos accesos desde a vía pública; a colocación de produtos de apoio como guindastres, sistemas tecnolóxicos de guiado, sinais luminosos, visuais, táctiles ou sonoros; dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior; a domótica e outro tipo de tecnoloxía que favoreza a autonomía persoal.

Intensidade das axudas

En canto á intensidade das axudas, Martina Aneiros indicou que cubrirán como máximo o 60% do custo da actuación, unha porcentaxe que poderá incrementarse ata o 80% se na vivenda reside unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

A contía das subvencións será variable en función da tipoloxía e características dos inmobles obxecto da intervención (vivenda unifamiliar, edificio residencial, local comercial ou vivenda integrada nunha edificación de tipo colectivo) e das circunstancias persoais dos seus residentes (persoa con discapacidade, persoa con discapacidade do 33% ou superior,...).

É requisito para poder acollerse a estas subvencións que as actuacións obxecto de financiación estean iniciadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 e non finalizadas a 2 de xuño deste ano, coincidindo coa data de publicación da convocatoria no DOG. O prazo de execución das obras no caso de vivendas unifamiliares non poderá exceder os 12 meses, mentres que para edificios residenciais colectivos amplíase ata os dous anos ao considerar que as intervencións neste tipo de inmobles adoitan ser máis complexas e requirir máis tempo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2023