Javier Arias participa na inauguración da nova edición de XuvenCiencia no Campus Terra

O delegado territorial da Xunta en Lugo gabou o éxito da iniciativa, que reúne a preto dun cento de mozos e mozas arredor de 16 propostas educativas

Lugo, 3 de xullo de 2023

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na inauguración da undécima edición de XuvenCiencia no Campus Terra, unha proposta educativa e lúdica dirixida a estudantes de Secundaria.

O proxecto, que coordina a profesora Mercedes Novo, desenvolverase ata o sábado e congrega a 95 mozos e mozas de cuarto curso de ESO, ciclos medios de Formación Profesional e Bacharelato.

Están divididos en 16 grupos de cinco ou seis integrantes centrados nalgunhas das investigacións máis punteiras que impulsa o Campus de Lugo, en materias como veterinaria, sismoloxía, xenética, cociña molecular ou robótica. O campamento inclúe pensión completa e aloxamento, e unha ampla variedade de actividades de lecer.

Arias destacou o éxito desta iniciativa, “que posibilita que a mocidade experimente coa práctica científica, axúdalles a formarse unha idea máis clara da oferta educativa do Campus e cimenta vocacións neste eido”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2023