A gastronomía de vangarda volve compartir espazo coas pezas de Artesanía de Galicia nos Pendellos de Agolada

O encontro Corazón da Artesanía, que se celebra esta fin de semana, inclúe demostracións gastronómicas de Artesanía no Prato con recoñecidos chefs galegos como Bea Sotelo, Héctor López, Javier Rodríguez Ponte “Taky” e Jorge Gago

Empregaranse como soporte produtos de 11 obradoiros de Artesanía de Galicia e alimentos gourmet, de Galicia Calidade e de PescadeRías

O X Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia inclúe tamén unha sesión de coctelería a cargo do hostaleiro Willy Gómez

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023

O Corazón da Artesanía. X Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que a Xunta de Galicia organiza nos Pendellos de Agolada a próxima fin de semana, do 7 ao 9 de xullo, inclúe un ano máis a iniciativa Artesanía no Prato, un proxecto co que se busca establecer sinerxías entre artesanía e gastronomía a través de demostracións de prestixiosos chefs en soportes de pezas de Artesanía de Galicia. Os cociñeiros do grupo Nove Beatriz Sotelo, Héctor López (dous Soles Repsol) e Javier Rodríguez Ponte “Taky”, así coma o chef Jorge Gago realizarán demostracións culinarias con produtos gourmet, de Galicia Calidade e de PescadeRías, durante os tres días nos que se celebra o Corazón da Artesanía.

Nun espazo único, os asistentes aos showcookings poderán degustar menús elaborados por estes prestixiosos cociñeiros en soportes elaborados por 11 obradoiros de Artesanía de Galicia. Haberá pezas de cerámica de Alberto Lista (Buño, Malpica de Bergantiños), Cerámica Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Laura Delgado Cerámica (Cambre) e dos obradoiros Ojea Studio e Witchneeds, de Vigo; pezas de vidro elaboradas por Arteviares (A Coruña); coitelos de Celso Ferreiro (A Fonsagrada); pezas de Eferro (Vila de Cruces) e pezas de madeira elaboradas polos obradoiros Armaior (Quiroga), Carballo Estrela (Pontevedra) e Lorenzo Design (Santiago de Compostela).

As sesións de showcooking iniciaranse o venres con Beatriz Sotelo, do restaurante Illas Gabeiras (Ferrol), que realizará dous pases en horario de 13:30 e de 15:00 horas. O sábado, o cociñeiro Héctor López, do Restaurante España (Lugo), realizará tamén dúas demostracións en horario de 13:30 e 15:00 horas, nas que empregará produtos de Galicia Calidade; mentres que Jorge Gago, dos restaurantes A Maceta e Testo (Santiago de Compostela) se encargará da demostración a partir das 20:30 horas, na que empregará produtos da marca de calidade PescadeRías, grazas ao apoio da Consellería do Mar. O domingo será a quenda de Javier Rodríguez Ponte “Taky”, do Catering Boketé (Cambre), que se encargará dos dous showcookings que terán lugar ás 13:30 e ás 15:00 horas.

A programación de Artesanía no Prato completarase cunha sesión de coctelería a cargo de Willy Gómez (O Carballiño), que empregará como soporte pezas da colección O mundo do revés. Coctelería peliqueira, elaborada por Laura Delgado e gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022.

Para poder asistir a calquera destas actividades de Artesanía no Prato é preciso inscribirse previamente no teléfono 692843313, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou no correo electrónico info@comunic-artecomunicacion.com. Nesta décima edición, tamén no marco do proxecto Artesanía no Prato, está prevista a celebración do obradoiro de decoración de mesas A mesa perfecta, impartido por Rosana A. Agrelo (Pontevedra), que terá lugar o venres de 18:30 a 20:30 e para o que xa están as prazas esgotadas.

Artesanía no Prato é un proxecto impulsado pola Xunta desde o ano 2013 co obxectivo de aproveitar as sinerxías entre estes dous sectores de xeito que se enxalcen mutuamente. A fusión da artesanía coa hostalería e coa restauración reforza a súa visibilización e posicionamento e permite combinar cualidades para crecer xuntos en exclusividade e valor engadido. A Artesanía de Galicia ofrécelle á gastronomía soportes persoais para vestir os pratos e os espazos dun xeito único, para facela brillar con máis forza sobre pezas de deseños especiais que suman distinción á experiencia sensorial de cada chef.

En horario de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:30 h e durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con demostracións de artesanía en vivo, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, música en directo e actividades para nenos. Na edición deste ano está prevista a participación de 54 profesionais de Artesanía de Galicia que representan 26 oficios artesanais, 39 como expositores e outros 15 artesáns que participarán como docentes nos 8 cursos de formación e nos 6 talleres abertos para todos os públicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2023