Galicia, primeira comunidade autónoma en contar cun proceso asistencial integrado do déficit de Alfa-1 Antitripsina

O novo proceso asistencial (PAI) contribuirá ao diagnóstico precoz desta patoloxía e a homoxeneizar a atención destes pacientes en todo o Servizo Galego de Saúde

A nosa comunidade conta na actualidade con máis de 300 casos rexistrados dunha patoloxía, crónica e hereditaria, que afecta aos pulmóns e ao fígado

O novo documento alíñase coa Estratexia Galega de Enfermidades Raras aprobada pola Xunta no ano 2021
 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá na presentación do novo Proceso Asistencial Integrado do Déficit de Alfa 1 Antitripsina, un documento que converte a Galicia na primeira comunidade autónoma en contar cunha ferramenta sanitaria específica para esta patoloxía.

O déficit de Alfa-1 Antitripsina (DAAT), é unha condición xenética, pouco frecuente e infradiagnosticada, que predispón ao desenvolvemento de enfisemas pulmonares e diversas hepatopatías. Así, caracterízase pola produción de proteína Alfa-1 Antitripsina Anómala, e estímase que provoca arredor do 2-3% dos casos de EPOC.

O novo Proceso Asistencial Integrado do Sergas, ten como obxectivos prioritarios: favorecer e establecer estratexias para acadar un diagnóstico precoz desta enfermidade, e tamén, homoxeneizar a atención aos pacientes con Déficit de Alfa-1 en todo o Servizo Galego de Saúde, para garantir a equidade asistencial en toda a comunidade. Ademais, o novo PAI alíñase coa Estratexia Galega de Enfermidades Raras, aprobada pola Xunta no ano 2021.

O responsable de carteira sanitaria da Xunta sinalou que o sistema sanitario público galego contará desde agora “cun circuíto asistencial único e directo para esta enfermidade”, ao incorporar “un proceso de diagnóstico coordinado entre os profesionais de atención primaria e o servizo de pneumoloxía”.

Segundo lembrou Comesaña, Galicia ten un importante historial de avances referidos á abordaxe desta patoloxía. Entre outro, o dispór de consultas monográficas para a atención ao DATT en todas as súas áreas sanitarias; o Centro Galego Alfa 1 no que un equipo interdisciplinar traballa en diferentes liñas de investigación e innovación desta patoloxía; e o Comité Clínico Alfa 1, no que sete pneumólogos e un farmacéutico traballan en rede para revisar e avalar as solicitudes de tratamento que lle son trasladadas polos facultativos das sete áreas sanitarias galegas.

“Galicia é a única comunidade de España que conta con este sistema, que garante a máxima seguridade nos tratamentos”, salientou o conselleiro.

Do mesmo xeito, precisou que os hospitais galegos sitúanse entre os centros que teñen un maior número de casos recrutados a nivel nacional, de acordo cos datos do Rexistro español de pacientes con déficit de Alfa-1 que, desde o ano 2020, se atopa integrado no proxecto internacional EARCO de investigación europea sobre esta patoloxía.

“Máis do 25% dos casos incluídos en EARCO-España proceden de Galicia, cuns 300 casos xa rexistrados”. Un volume de rexistro, abundou Comesaña, “que fala da excelente atención que prestan os nosos profesionais”.

Previo peche da súa intervención, o responsable do Sergas agradeceu o traballo do grupo interdisciplinar (pneumólogos, facultativos de atención primaria e persoal de enfermería e farmacia hospitalaria) que elaboraron este documento pioneiro, así como o das asociacións e os pacientes que prestaron a súa colaboración para que Galicia sexa a primeira en optimizar e estandarizar os coidados dos pacientes con Déficit de Alfa 1 Antitripsina.

Data de actualización: 03/07/2023