O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria

A Xunta abre mañá o prazo de solicitude das bolsas e das prazas nas residencias xuvenís públicas autonómicas para o vindeiro curso

Ofértanse 224 prazas distribuídas entre os centro Altamar de Vigo, o de Lugo e a residencia Florentino López Cuevillas de Ourense; das cales 15 resérvanse para bolseiros

Diríxese a persoas mozas entre os 16 e os 30 anos de idade que por razóns de estudo ou traballo se vexan obrigados a permanecer fóra do concello onde residen

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023 A Xunta abre a partir de mañá e durante un mes o prazo para solicitar as bolsas e as 224 prazas ofertadas nas residencias xuvenís públicas autonómicas dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude para o curso académico 2023-2024, das cales 15 son para persoas bolseiras que non pagan taxa. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica as bases que rexen a concesión destas prazas en réxime de concorrencia competitiva e que están dirixidas a mozos de 16 a 30 anos de idade que por razóns de estudo ou traballo se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual.

 
O período máximo de estadía na residencia xuvenil será de 11 meses dentro do calendario académico, agás os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa. A estadía inclúe aloxamento e manutención. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. 

En canto á distribución da oferta, 89 prazas correspóndense coa Residencia Altamar de Vigo, das que 6 son para bolseiros. Outras 75 son para o centro residencial xuvenil de Lugo ‘LUG’, onde hai 4 prazas para bolseiros; e a Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense oferta 60 prazas, 5 para bolseiros. Ademais, a convocatoria reserva un 9% do total das prazas para mozas que sufran violencia de xénero e para mozas e mozos cuxas proxenitoras a sufrisen, así como para aqueles que teñan un expediente de protección aberto. 

Na valoración das solicitudes teranse en conta aspectos como a renda da unidade familiar, a condición de familia numerosa ou monoparental, as condicións de orfandade e de discapacidade ou a antigüidade na residencia xuvenil, entre outros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2023