A Xunta e ALAR Galicia renovan por quinto ano o Proxecto Fénix de prevención e reeducación de menores con medidas xudiciais por violencia de xénero

O programa ofrece unha actuación integral con estes mozos para evitar a reincidencia

A iniciativa enmárcase no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e incrementa o seu orzamento deste ano en 10.000 euros até os 60.000

Os participantes asisten a sesións grupais e individuais en centros das catro provincias
 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, desenvolve o Proxecto Fénix, un programa punteiro en Galicia que promove a intervención integral con menores de idade sometidos a medidas xudiciais por ter cometido un delito de violencia de xénero, para a súa reeducación e prevención de futuras condutas violentas. A iniciativa, coordinada pola asociación ALAR, enmárcase desde 2019 no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e conta cun financiamento este ano de 60.000 euros, 10.000 máis que na pasada edición.

A Xunta de Galicia trata de previr comportamentos violentos entre a mocidade co obxectivo de eliminar condutas de nocivas cara a parellas ou ex-parellas e diminuír as posibilidades de reincidencia. Neste sentido, o programa educativo traballa na sensibilización destes mozos en materia de igualdade de xénero e contra a violencia machista, especialmente exercida sobre as rapazas máis novas.

O proxecto Fénix incorpora mozos derivados a través da Fiscalía de menores, establecendo una rede de traballo en todo o territorio galego para dar resposta directa e inmediata ás demandas de fiscais e xuíces, preferentemente nos casos de menores con cargos penais por violencia de xénero. Tamén está aberto á intervención en centros de menores e centros de intervención educativa en medio aberto (Ciema) que traballan na atención integral cos menores infractores, especialmente adolescentes en situación de conflito social.

Os mozos participan en intervencións grupais ou individuais que expoñen o escenario actual de desigualdade, sensibilizan respecto a estas diferenzas, facilitan a incorporación da perspectiva de xénero nas relacións sociais e tratan de mellorar as súas habilidades sociais e actitudes. Esta iniciativa fomenta a rehabilitación dos menores agresores en casos de violencia machista aplicando a perspectiva de xénero e promove a asistencia psicolóxica aos agresores desde o momento da denuncia, para reducir o nivel de estrés e agresividade e previr danos á vítima. Con este proxecto, a Xunta continúa na liña de actuación de tolerancia cero respecto da violencia contra as mulleres incidindo nas situacións que se producen desde idades temperás.

Data de actualización: 03/07/2023