A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu esta tarde á celebración do 40 aniversario da empresa do Porriño

Lorenzana pon ao grupo Darlim como exemplo de empresa comprometida coas persoas e co territorio

Pon en valor a súa capacidade de adaptación ás demandas do mercado a través da innovación e a diversificación
 

Resalta o peso da empresa familiar en Galicia, cun volume de emprego asociado de 55.000 persoas e un nivel de facturación equivalente ao 17 por cento do PIB
 

Mondariz Balneario (Pontevedra), 30 de xuño de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á celebración do 40 aniversario do Grupo Darlim, ao que definiu como unha empresa familiar comprometida coas persoas e co territorio.

Lorenzana puxo en valor a súa capacidade de adaptación ás demandas do mercado, cunha carteira de máis de 6.000 clientes; e salientou a súa aposta pola innovación, a diversificación e a sustentabilidade social, con case un cento de persoas empregadas.

A conselleira recoñeceu que os avances tecnolóxicos que se están a producir e a transición enerxética obrigan as empresas a responder ao cambio a través da I+D+i, a eficiencia enerxética, a dixitalización e apostando polo talento e a formación. E, ao respecto, indicou que a tarefa do Goberno galego é que isto sexa unha tónica que se repita en todas as pemes galegas.

A titular de Economía, Industria e Innovación, concluíu resaltando o peso da empresa familiar en Galicia, que representan o 92,4 por cento do total e xeran o 86,3 por cento do emprego, cunha facturación conxunta  equivalente ao 17 por cento do PIB.

Data de actualización: 30/06/2023