O programa Educación responsable chegará a 102 centros o vindeiro curso enfocado ao benestar emocional
A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Fundación Botín e suma 15 centros novos
Formarán parte da rede no curso 2023/24 un total de 6.895 alumnos e 438 docentes
A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución definitiva do programa Educación Responsable para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, pola cal no curso 2023/2024 o programa chegará a 102 centros educativos, un 17% máis ca no ano académico que vén de rematar.
O obxectivo da iniciativa, que se realiza en colaboración coa Fundación Botín, é favorecer o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, promover a comunicación e mellorar a convivencia nos centros docentes a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias.
O programa funciona a través dunha rede galega da que, segundo a estimación, formarán parte o vindeiro curso 6.895 alumnos e 438 docentes. Todos eles reciben formación, recursos educativos e seguimento por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Fundación Botín. A relación dos 15 centros seleccionados para incorporarse o vindeiro curso é a seguinte:
Provincia | Concello | Centro |
A Coruña | Muros | CEIP Ramón de Artaza e Malvárez |
A Coruña | Narón | CEIP A Gándara |
A Coruña | Ordes | CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao |
A Coruña | Santiago de Compostela | IES Antonio Fraguas Fraguas |
Lugo | Antas de Ulla | CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla |
Lugo | O Saviñao | CPI Plurilingüe Dr. López Suárez |
Ourense | Maceda | IES San Mamede |
Ourense | A Pobra de Trives | CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso |
Pontevedra | Cambados | CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro |
Pontevedra | A Estrada | IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez |
Pontevedra | Nigrán | CEIP Mallón |
Pontevedra | Poio | CEIP de Viñas |
Pontevedra | Ribadumia | CRA de Ribadumia |
Pontevedra | Tui | IES Indalecio Pérez Tizón |
Pontevedra | Vigo | CEIP Plurilingüe García Barbón |
A iniciativa está recollida na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, dentro da liña cinco, centrada no benestar emocional do alumnado. Nela, búscase a participación e o compromiso de toda a comunidade educativa para acadar unha formación plena do alumnado incidindo na importancia da educación emocional no seu desenvolvemento persoal e académico.
Ademais de en Galicia, desenvólvese tamén en Aragón, Cantabria, Castela e León, Comunidade Valenciana, Madrid, Murcia, Navarra, Murcia e A Rioxa, así como no estranxeiro, en Chile, México e Uruguai.
Tres cursos
A participación no programa esténdese ao longo de tres cursos escolares, nos cales, a maiores de levar ás aulas as actividades e materiais dos que dispón o programa, os centros contan con asesoramento vencellado ao Plan de Formación Permanente do Profesorado, así como financiamento para desenvolver o programa a través da solicitude dos Contratos-Programa Inclúe.
Por cursos, o obxectivo do primeiro ano de pertenza ao programa, denominado fase inicial e de crecemento, é que o equipo de Educación Responsable de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e aplique as actividades do programa.
Na segunda fase, de expansión, o centro participante asume este programa como unha liña prioritaria dentro do seu proxecto educativo. Con este obxectivo, as persoas encargadas dos recursos do programa forman ao resto dos docentes, programando e aplicando as actividades de forma colaborativa e estendendo o programa a un maior número de alumnado.
A fase de consolidación ten como obxectivo que o centro docente utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado. Para iso, é necesario que a maioría dos docentes do centro incorporen nas súas programacións de aula actividades de Educación Responsable e que se aplique a totalidade dos recursos do programa coa maior parte do alumnado.