A vicepresidenta segunda reuniuse a semana pasada con representantes de Iberdrola, un dos grandes operadores hidroeléctricos de media capacidade presentes en Galicia

A Xunta analiza a situación dos principais encoros da conca Miño-Sil para garantir a conservación da biodiversidade durante a época estival

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia analizou a semana pasada a situación actual dalgúns dos principais encoros hidroeléctricos da conca do Miño-Sil —localizados fundamentalmente na provincia de Ourense e algún na de Lugo— co fin de verificar a súa capacidade de cara a poder garantir sen dificultades a conservación da biodiversidade presente nestes ríos de cara á tempada estival.

Este foi o motivo principal da reunión que mantiveron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e responsables da empresa Iberdrola, un dos grandes operadores hidroeléctricos de media capacidade do país e que explota actualmente en Galicia 14 encoros na conca Miño-Sil ademais dalgún outro de menor entidade. 

Tal e como expuxeron durante a xuntanza o delegado da empresa eléctrica en Galicia, Francisco Silva, e o director de Xeración Sil en Iberdrola, Miguel Ángel López, a situación destes aproveitamentos tendo en conta as súas reservas actuais é boa, polo que afrontan este inicio do verán con capacidade suficiente para garantir o mellor dos escenarios posibles en canto á preservación da biodiversidade destas masas fluviais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2023