A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu esta tarde á celebración do 50 aniversario da firma

Lorenzana pon en valor a resiliencia e capacidade de adaptación de empresas como Thune Eureka

A conselleira compromete o traballo da Xunta por propiciar ás pemes galegas un contorno de mellora continua no marco da economía verde e dixital

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 1 de xullo de 2023.- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á celebración do 50 aniversario de Thune Eureka, unha empresa referente no seu sector, dixo, que considerou un exemplo de resiliencia, experiencia e capacidade de adaptación.

Lorenzana destacou a súa aposta pola innovación na fabricación de bens de equipo, e pola internacionalización, con clientes nos cinco continentes. Un obxectivo común a todo o tecido empresarial dixo, como tamén o é a eficiencia enerxética, a sustentabilidade e a formación.

A conselleira salientou as previsións de crecemento da economía galega que manexa a Xunta –por riba do 2 por cento en 2024–, e quixo enmarcar aí o esforzo que está a facer o tecido empresarial galego por seguir aprendendo, reinventándose e adaptándose ás esixencias do actual escenario económico. “Se ás nosas empresas lles vai ben a Galicia iralle ben”, apostilou.

Ao respecto, a titular de Economía, Industria e Innovación comprometeu o traballo da Xunta por propiciar ás pemes galegas un contorno de mellora continua na economía verde e dixital.

Data de actualización: 01/07/2023