A delegada da Xunta solicita unha xuntanza con cada un dos alcaldes da área territorial de Vigo

Ana Ortiz escribe aos catorce rexedores co obxectivo de manter reunións bilaterais para coñecer as necesidades dos municipios e avanzar en proxectos de colaboración coa administración autonómica

Vigo, 30 de xuño de 2023 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, remitiu este venres unha carta a cada un dos catorce alcaldes da área viguesa para manter unha reunión con cada un deles co obxectivo de analizar desde a colaboración institucional as decisións e as actuacións nos seus respectivos municipios.

A representante autonómica, que tomou posesión do cargo o pasado 20 de xuño en substitución de Marta Fernández-Tapias, dirixiuse aos rexedores da área territorial para poñer en común as súas axendas e fixar o antes posible unha xuntanza de traballo.

Ana Ortiz propón analizar temas relacionados coa Administración galega e que son prioritarios para os concellos en materia de educación, saneamento ou sanidade, entre outros. Así, avanza a oportunidade para facer un repaso dos grandes proxectos e necesidades das localidades que dependen da Xunta de Galicia, así como avaliar posibles vías de colaboración coas que mellorar os seus servizos.

Ademais da cidade de Vigo, o ámbito da área territorial abarca os municipios de Cangas, Moaña, Soutomaior, Fornelos, Pazos de Borbén, Redondela, Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

Data de actualización: 30/06/2023