A Xunta destaca o proxecto Congals4.0 impulsado por Congalsa e Gradiant como modelo de transformación industrial

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe na Pobra do Caramiñal na presentación de resultados desta iniciativa apoiada pola Administración autonómica no marco do programa de Fábrica Intelixente e Sostible

O proxecto, cun orzamento de preto de 5 millóns de euros e unha axuda pública de 2 millóns, permitiu mellorar os procesos produtivos e a eficiencia na entrega a clientes, así como a capacidade de adaptación ao mercado

Proximamente activarase a quinta edición do programa, á que se destinan 24 millóns de euros para apoiar proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 30 de xuño de 2023 A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá na Pobra do Caramiñal as instalacións da empresa Congalsa para coñecer os resultados do proxecto Congals4.0. Este proxecto, apoiado polo programa Fábrica Intelixente e Sostible da Xunta de Galicia con financiamento Feder e desenvolto en colaboración co centro tecnolóxico Gradiant, permitiu a implementación de tecnoloxías dixitais no proceso de fabricación para avanzar cara a un modelo de fábrica máis flexible, automatizada, social, colaborativa, conectada e intelixente.

Argerey puxo o proxecto de Congalsa e Gradiant, que contou cun orzamento de preto de 5 millóns de euros e unha axuda pública de 2 millóns, como modelo de transformación industrial. Así, destacou o seu impacto tanto na mellora dos procesos produtivos, na eficiencia na entrega a clientes, a redución de custos e a capacidade de adaptación máis rápida ao mercado. Subliñou tamén o efecto tractor deste proxecto sobre o sector alimentario galego a través do seu impacto sobre a cadea de valor e a difusión dos resultados ao resto do sector. Ademais, sinalou a importancia da colaboración entre os centros tecnolóxicos e as empresas para transformar o coñecemento que se xera nestes en valor económico e social.

A directora da Axencia Galega de Innovación lembrou durante a visita a próxima activación da quinta edición do programa Fábrica Intelixente e Sostible, que ten como obxectivo apoiar proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego centrados no desenvolvemento de tecnoloxías dixitais e verdes. A publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) está prevista para o vindeiro xoves, 6 de xullo, e ese mesmo día está prevista a celebración dunha xornada de presentación da convocatoria na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 2 de outubro.

A convocatoria, dotada con 24 millóns de euros e cofinanciamento da Unión Europea no marco do programa Feder Galicia 2021-2027, está dirixida tanto a pemes como grandes empresas e organismos de investigación en colaboración cunha ou varias compañías co obxectivo de seguir avanzando cara un novo modelo industrial baseado no coñecemento e na competitividade.

O programa Fábrica Intelixente e Sostible inscríbese na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), en concreto no reto de avanzar cara a un novo modelo industrial baseado no coñecemento e na competitividade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2023