A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade clausurou hoxe a Xornada de presentación das directrices de saneamento de Galicia

Ethel Vázquez destaca o apoio da Xunta aos concellos na dotación de servizos de saneamento, que en Galicia require máis do dobre de metros de tubaxe que en España

Subliña a dificultade para levar os servizos de saneamento en Galicia debido á dispersión territorial, pois, mentres España se precisan 4 metros lineais de colector por habitante, a nosa comunidade require 9 metros de tubaxe por habitante

A Xunta culmina da 1ª fase do novo Plan de saneamento de Galicia, que delimitou 513 aglomeracións de máis de 250 habitantes e permitirá dar cumprimento á nova Directiva europea de Augas

O novo plan ten como obxectivos acadar unha mellor xestión das infraestruturas de saneamento e depuración; establecer un marco de gobernanza entre as administracións implicadas na materia; ou mellorar a información dispoñible

Trátase da folla de ruta que guiará a xestión do saneamento nos vindeiros anos, en liña coa Estratexia Galega do Cambio Climático e Enerxía 2050 e integrado na Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030

A conselleira lembra que desde 2009 a Xunta leva investido máis de 1.100 millóns de euros na execución de infraestruturas municipais de xestión da auga.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

Ethel Vázquez destacou hoxe o apoio da Xunta aos concellos na dotación de servizos de saneamento, que en Galicia require dispoñer de máis do dobre de metros de tubaxe por habitante que en España.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e co xerente, Gonzalo Mosqueira, clausurou a Xornada de presentación das directrices de saneamento de Galicia, que contou coa participación de máis de 150 asistentes, fundamentalmente técnicos municipais.

Vázquez Mourelle puxo en valor a culminación da 1ª fase do Plan de saneamento de Galicia, que permitiu delimitar 513 aglomeracións de máis de 250 habitantes e, entre elas, 201 que superan os 1.000 habitantes.

Salientou que este traballo permitirá á Xunta anticiparse e dar cumprimento á nova Directiva de Augas, que se aprobará previsiblemente en 2024 e que ata o de agora obrigaba a controlar as aglomeracións urbanas de máis de 2.000 habitantes, e agora baixará esa delimitación aos 1.000 habitantes.

Indicou que a dispersión territorial de Galicia fai moi difícil e custoso levar os servizos da auga a cada recuncho do territorio, pois mentres que España ten unha ratio de 4 metros lineais de colector por habitante e Europa de 6, a nosa comunidade sitúase nos 9 metros, o que implica a necesidade de instalar máis do dobre de metros de tubaxe para prestar estes servizos.

Dadas estas circunstancias, remarcou que a Xunta está a facer un enorme esforzo técnico e económico para axudar aos concellos a prestar de xeito eficiente estes servizos municipais.

Explicou que nesa liña, o novo Plan de Saneamento de Galicia ten como obxectivos acadar unha mellor xestión e máis responsable das infraestruturas de saneamento e depuración; establecer un marco de gobernanza axeitado entre as administracións e axentes implicados nesta materia; ou mellorar a información dispoñible, a través do Sistema de Información de Servizos Básicos de Augas en Galicia, SISGABAL.

Cualificou este plan como a folla de ruta que guiará a xestión do saneamento e a depuración nos vindeiros anos, tendo en conta o contexto de cambio climático e en liña coa Estratexia Galega do Cambio Climático e Enerxía 2050 e integrado na Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030.

Subliñou que o Plan de Saneamento de Galicia está concibido como un proceso continuo polo que, a partir de agora, se seguirá avanzando nas seguintes fases, coa elaboración e redacción do propio plan, que recollerá a programación de actuacións, a súa execución e a avaliación e seguimento.

Fitos acadados

Ethel Vázquez lembrou que desde 2009 a Xunta leva investido máis de 1.100 millóns de euros na execución de infraestruturas municipais de xestión da auga.

Apuntou que o Plan de Saneamento de Galicia vixente foi o impulsor do salto de xigante dado nos últimos anos en materia de depuración e de calidade das augas.

A este respecto, citou fitos logrados como eliminar vertidos e acadar o bo estado no 78% das masas de auga; incrementar a capacidade de depuración, facilitando estes servizos a máis de 3,3 millóns de habitantes; e progresar no grao de cumprimento das condicións de vertido establecidas pola directiva europea, pasando dun 30% de depuradoras que non cumprían en 2007 á situación actual, onde cumpren máis do 90% das plantas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2023