O conselleiro do Medio Rural visitou a zona acompañado do alcalde da localidade ourensá

A Xunta constata os avances nas obras do Centro Integral de loita contra o lume de Toén e resalta a funcionalidade das pistas de adestramento que xa están operativas

O Centro prevé acoller bombeiros de toda Europa e será unha referencia na formación de cara á extinción dos incendios forestais

Nas mesmas instalacións están operativas as pistas de adestramento para motobombas e vehículos todoterreo, así como para bombeiros

Toén (Ourense), 1 de xullo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de constatar o avance das obras do novo Centro Integral de loita contra o lume no concello ourensán de Toén. A Xunta fai fincapé en que estas instalacións prevén ser un referente para a formación, a cooperación e a investigación en materia de incendios forestais. Así, José González destacou a importancia de contar con pistas de adestramento que xa se atopan a pleno rendemento.

A Consellería do Medio Rural leva investido máis de 3,5 millóns de euros para a construción deste complexo. O obxectivo é convertelo nun centro administrativo e de formación de brigadas forestais. Neste senso, cabe incidir en que este Centro integral busca constituír o eixe central do Plan de formación, centralizando así nun mesmo punto a instrución de todo o Servizo e converténdose nun lugar de intercambio de experiencias con outros dispositivos de prevención e extinción de incendios forestais, tanto nacionais como internacionais.

Neste centro tamén se instalará unha aula medioambiental para formar estudantes de toda Galicia e para concienciar á sociedade sobre o traballo dos profesionais contraincendios como defensores do monte e, por extensión, da seguridade das persoas e dos seus bens.

Cabe lembrar que estas instalacións contan con varios quilómetros de pistas de adestramento para motobombas e vehículos todoterreo nas que se alternan diferentes obstáculos para a mellora das técnicas do dispositivo de loita contraincendios e que xa se atopan en pleno funcionamento. Ademais, tamén dispoñen dunha pista para adestramento de bombeiros de case 1 quilómetro de lonxitude.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2023