A Policía Autonómica localiza 'in fraganti' un presunto incendiario no Concello de Ourense

Un axente da Policía Autonómica, de acordo cos protocolos establecidos, informou a unidade para que procedese á identificación da suposta persoa autora do lume

Ourense, 30 de xuño de 2023.- Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Ourense esclareceron un incendio forestal rexistrado o pasado mércores, 28 de xuño, en Seixalbo, no concello de Ourense. O lume afectou 0,15 hectáreas de superficie arborada e evitouse a súa propagación debido á rápida intervención e o inmediato aviso aos servizos de extinción.

 

Así, un axente da Policía Autonómica en Ourense localizou in fraganti a presunta persoa incendiaria grazas á colaboración cidadá. O axente retívoa e avisou á sede da unidade para a súa identificación e traslado, ao mesmo tempo que deu conta da existencia do lume ao 085.

 

A Policía Autonómica tomou declaración como presunta autora dos feitos á persoa identificada e trasladouna ás dependencias policiais para, posteriormente, remitir as dilixencias ao Xulgado de Instrución número 2 en funcións de Garda de Ourense.

 

Na extinción do lume participaron medios da Xunta, en concreto, dous axentes, tres brigadas e unha motobomba. Tamén acudiron tres efectivos e unha motobomba do parque de bombeiros de Ourense. O incendio intencionado produciuse nunha xornada no que o índice de risco de lume diario no lugar estaba catalogado como moi alto.

 

A Policía Autonómica leva investigadas no que vai de ano 13 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

 

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2023