O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que garante a continuidade, sen interrupcións, destas bonificacións no transporte público autonómico

A Xunta mantén o desconto do 50% nos autobuses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol

O Consello da Xunta xa adoptou onte a decisión de manter durante seis meses máis, ata finais de ano, os descontos no transporte público que vén aplicando desde setembro de 2022

Coa publicación desta orde, a Xunta garante a continuidade das bonificacións aos usuarios, sen interrupción, desde o 1 de xullo, pese a que o Goberno de España concretou hai tan só tres días que se ía manter o desconto estatal

A bonificación do 50% inclúe os servizos de transporte urbano de Ferrol e Pontevedra, cidades onde este transporte se presta a través das concesións autonómicas

A rebaixa seguirase a aplicar, como se vén facendo desde o seu inicio, sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e das tarxetas de Mobilidade de Galicia

Os descontos do 50% aplicados desde a Xunta nos buses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol, levan xa bonificados case 14 millóns de viaxes, o que supón case 0 78% das realizadas no transporte público de Galicia

De setembro a maio, o investimento público nas bonificacións do transporte público de Galicia superou os 23 millóns de euros

Durante este período, anticipáronse cada 15 días as compensacións ás empresas concesionarias pola aplicación directa do desconto adicional do 50% aos usuarios, aboando os importes correspondentes á Xunta e tamén as comprometidas polo Estado

A Xunta mantén a aposta polo transporte público, destinando 90 millóns de euros no 2023 para o financiamento do autobús interurbano, onde os menores de 21 anos viaxan gratis

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

A Xunta manterá a partir de mañá, día 1 de xullo, o desconto do 50% nos autobuses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que permite continuar con estas bonificacións do 50% no transporte público autonómico, que se aplicará sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e das tarxetas de Mobilidade de Galicia, TMG e Xente Nova.

A orde regula o establecemento dunha minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar esta información:  https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230630/AnuncioG0533-280623-0003_gl.html

O Consello da Xunta adoptou onte mesmo a decisión de manter a bonificación do 50%, durante seis meses máis, ata finais de ano, os descontos no transporte público autonómico que vén aplicando desde setembro de 2022.

Coa tramitación e publicación da orde hoxe no Diario Oficial de Galicia, o Executivo autonómico anticipouse para garantir que as bonificacións aos usuarios do transporte público autonómico tiveran continuidade, sen interrupción, xa desde o mesmo día 1 de xullo, pese a que non foi ata só hai tres días, o 27 de xuño, cando o Goberno de España confirmou que ía manter o desconto estatal para os autobuses interurbanos e urbanos.

A pesar de que a orde publicada no DOG establece como prazo de aplicación dos descontos ata o 31 de xullo, xa prevé a ampliación do período no que se aplicará a minoración temporal da tarifa en función do establecido polo Goberno central no Real Decreto Lei para responder ás consecuencias económicas e sociais da guerra de Ucraína aprobado polo Consello de Ministros o pasado día 27: isto é, entre o 1 de xullo e ata o 31 de decembro.  

A bonificación do 50% no transporte público autonómico inclúe, ademais do autobús interurbano, o transporte de ría e o tren na área de Ferrol, tamén os servizos de transporte urbano de Ferrol e Pontevedra, cidades onde este transporte se presta a través das concesións autonómicas.

A Xunta vén aplicando desde o pasado 1 de setembro de 2022 a máxima bonificación no transporte público de titularidade autonómica, incrementando nun 20% a axuda estatal que o Goberno de España fixou nun 30%.

Os descontos do 50% aplicados desde a Xunta nos buses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol, levan xa bonificados case 14 millóns de viaxes, é supón que case o 78 % das viaxes en transporte público de competencia da Xunta recibiran descontos, grazas ao pagamento coas tarxetas de mobilidade de Galicia TMG e TMG Xente nova.

As bonificacións activas impulsaron o uso do transporte público no conxunto de Galicia, que gañou un 28 % máis de viaxeiros entre setembro de 2022 e o pasado mes de maio fronte ao mesmo período do curso anterior. Esta recuperación da demanda aproxima o volume total de persoas usuarias ás cifras previas á pandemia da COVID-19, aínda que continúa un 13 % por debaixo.

A aplicación das bonificacións activas no sistema de transporte público de Galicia supuxo un investimento público que superou os 23 millóns de euros de setembro de 2022 a maio. Do total, 21,3 millóns de euros corresponden aos descontos por pagamento coas tarxetas TMG e TMG Xente Nova e 1,7 millóns de euros á aplicación da rebaixa nos bonos mensuais do autobús.

A Xunta anticipou durante este período cada 15 días as compensacións ás empresas concesionarias pola aplicación directa do desconto adicional do 50 % aos usuarios, aboando tanto os importes correspondentes á Comunidade Autónoma como as cantidades comprometidas polo Estado.

Con estes incentivos a Xunta continúa a atender e dar resposta ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade, mantendo a aposta polo transporte público, destinando 90 millóns de euros no 2023 para o financiamento do autobús interurbano, onde os menores de 21 anos viaxan gratis.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2023