A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou na clausura e entrega de premios da sexta edición do simposio internacional SYMTAS

Fabiola García destaca a importancia dos novos centros de coidados intermedios para o seguimento da saúde dunha persoa logo da alta hospitalaria

Lembrou que a Xunta creará os primeiros centros de coidados intermedios públicos de todo o Estado, un en Santiago e outro en Mos

Estes centros permitirán ofrecer terapias e coidados a unha persoa unha vez que a súa situación clínica non reviste gravidade e garantir así a súa completa recuperación

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou a importancia que terán os futuros centros de coidados intermedios públicos da Xunta para o seguimento da saúde dunha persoa unha vez recibe a alta hospitalaria. Así o manifestou durante a súa intervención esta tarde na sexta edición do simposio internacional SYMTAS que tivo lugar na facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A conselleira agradeceu a invitación a participar neste encontro que permite, segundo explicou, fomentar a colaboración e a coordinación entre o ámbito social e sanitario. Neste sentido, apuntou que para garantir o benestar dunha persoa desde que recibe o primeiro diagnóstico e ata a súa completa recuperación faise necesario unir os esforzos de ambos os dous sectores.

Fabiola García lembrou que este é un dos obxectivos que persegue o novo modelo de coidados de Galicia, elaborado polo Goberno galego en colaboración con profesionais dos distintos sectores implicados. Así mesmo, apuntou que os futuros centros de coidados intermedios públicos que a Xunta porá en marcha en Santiago e en Mos, os primeiros en todo o Estado, permitirán garantir unha recuperación completa dunha persoa antes de regresar ao seu domicilio ou residencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2023