O proxecto Milkchain, promovido por Leche Río co apoio da Xunta, establece a trazabilidade do produto desde a orixe ata o consumidor

Na iniciativa participan tamén as compañías Proymaes (O Porriño), Innogando (Abadín), Himikode (Lugo) e PS Vet (Boqueixón)

Conta cun orzamento de 1,2 M€, dos que a Administración autonómica achega o 75 %

Lugo, 29 de xuño de 2023

O proxecto innovador Milkchain, promovido por Leche Río co apoio da Xunta de Galicia, permitirá aos consumidores coñecer a procedencia xeográfica do leite consumido, desenvolvendo un completo sistema de trazabilidade desde as ganderías ata o transporte e os procesos de fábrica. 

Esta mañá tivo lugar a presentación do resultado desa iniciativa, que se vén desenvolvendo desde abril do 2021, nas instalacións de Leche Río no polígono do Ceao (Lugo), coa presenza da CEO da empresa, Carmen Lence, do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e de representantes doutras entidades involucradas.

Así, no proxecto tamén participan as pemes galegas Proymaes (O Porriño), Innogando (Abadín), Himikode (Lugo) e PS Vet (Boqueixón), co soporte de Medrar Smart Solutions (Lugo) e o Instituto Tecnológico de Galicia (ITG). E foi fundamental a implicación de 10 ganderías que subministran a Leche Río e da granxa experimental do Campus Terra, investigando sobre a afectación á contorna ambiental e a xestión de residuos.

O sistema de trazabilidade na industria láctea, vinculada á cadea de valor de Leche Rio, abarca desde as ganderías ata o transporte e a fábrica. Trátase dunha plataforma na nube na que se gardan, procesan e visualizan todos os datos necesarios para xerar información relevante para a toma de decisións e a certificación dixital. Así, permite coñecer datos sobre a súa orixe e diferentes parámetros sobre a calidade, transporte, ou procesos industriais ligados á transformación do produto.

O orzamento do proxecto é de máis de 1,2 M€, e está apoiado pola Xunta a través do programa Conecta Hubs cunha achega do 75 %. Esta medida da Axencia Galega de Innovación da Xunta financia propostas colaborativas desenvolvidas por agrupacións de empresas nas áreas de especialización dos hubs de innovación dixital estratéxicos para a Comunidade (Dihgigal e DATAlife) co obxectivo de impulsar un tecido produtivo máis dixitalizado, innovador e sustentable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2023