O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta pídelle ao concello de Pontevedra unha proposta seria e con financiamento para a reubicación das instalacións de conservación de estradas da Xunqueira de Alba

O Goberno galego vén de reiterar por carta ao Concello a súa disposición a trasladar esas dependencias cando teña unha proposta municipal con terreo e financiamento, tal e como lle corresponde como ente promotor da actuación

Francisco Menéndez lembra que de acordo coa Lei 5/2019, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, o Concello é o responsable da xestión do ENIL e o promotor das actuacións derivadas desa xestión, e tamén competente na achega dos recursos

Precisa que a Consellería de Infraestruturas non recibiu ningunha comunicación de Costas do Estado sobre unha suposta situación irregular das instalacións, transferidas polo Estado e caracterizadas como Dominio Público Viario

Pon en valor o investimento autonómico de máis de 12 millóns de euros en obras de mellora de seguridade viaria e da mobilidade sostible no concello de Pontevedra

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2023

A Xunta solicítalle ao Concello de Pontevedra que remita unha proposta seria e con financiamento para a reubicación das instalacións de conservación de estradas que a Axencia Galega de Infraestruturas ten na Xunqueira de Alba.

Así o trasladou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde subliñou a disposición da Xunta de trasladar esas dependencias cando teña unha proposta municipal con terreo e financiamento para o seu traslado, tal e como lle corresponde como ente promotor da actuación, e tal e como lle indicou hoxe mesmo nunha carta remitida ao Concello.

Lembrou que de acordo coa Lei 5/2019, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, o Concello de Pontevedra é o responsable da xestión do ENIL e o promotor das actuacións derivadas desa xestión, e tamén competente na achega dos recursos.

Francisco Menéndez precisou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade non recibiu ningunha comunicación de Costas do Estado sobre unha suposta situación irregular coas instalacións, que foron transferidas polo Estado e están caracterizadas como Dominio Público Viario.

Reiterou que o Concello debe actuar coa Xunta como vén facendo a Administración autonómica en canto a actuacións viarias no municipio.

Así incidiu en que o Goberno galego, cando promove actuacións nas estradas da súa titularidade no termo municipal de Pontevedra, as financia integramente; polo que, se o Concello de Pontevedra considera prioritaria a actuación na Xunqueira de Alba, da súa competencia, debe ser a propia administración local quen poña os medios necesarios para poder levala a cabo.

Puxo en valor o investimento autonómico de máis de 12 millóns de euros en obras de mellora de seguridade viaria e da mobilidade sostible no concello de Pontevedra, con intervención como: a senda peonil e ciclista na PO-225, entre Alba e San Caetano; na PO-531 na Devesa; o acondicionamento da PO-223 e PO-224 en Xeve; ou o eixe Pontevedra-Marín na PO-546, entre Mollabao e Os Praceres, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2023