A Xunta publica a orde de axudas a concellos para a adquisición de vehículos adaptados destinados a servizos sociais

A contía máxima da axuda será de 40.000 euros por vehículo e os coches, de emisión cero, eco ou de etiqueta C verde, deberán adquirirse no 2023

As administracións locais que pidan a axuda non poden superar os 10.000 habitantes

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2023 O Diario Oficial Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas para que os concellos ou as Mancomunidades adquiran no 2023 vehículos adaptados e de emisión cero, eco ou de etiqueta C verde e cuxo uso sexa para a atención nos servizos sociais. O Goberno galego destinará a esta orde un millón de euros.

Esta nova convocatoria recolle que a contía máxima da axuda será de 40.000 euros por vehículo. O requisito é que tanto os Concellos como as Mancomunidades deben ter menos de 10.000 habitantes. Así mesmo, poderán solicitar un anticipo de ata o 80% da subvención concedida para facilitar que as asociacións conten con liquidez antes de facer fronte a adquisición do vehículo.

A posta en marcha desta liña de axudas obedece ao compromiso do Goberno galego coa mellora da atención aos maiores e ás persoas con discapacidade. Ademais, a Administración autonómica favorece por un lado a compra de medios de transporte que respecten o medio ambiente. Esta orde súmase á publicada a finais do ano pasado co mesmo cometido pero dirixida ás entidades sociais.

Data de actualización: 29/06/2023