O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, deu conta hoxe do reforzo deste servizo público en comisión parlamentaria

A Xunta traballa na ampliación da rede pública de puntos de encontro familiar co obxectivo de abrir tres novos nas comarcas da Mariña, do Deza e de Monterrei

O Goberno galego destinará este ano 2023 máis de dous millóns de euros ao funcionamento e mellora destes puntos

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia está a traballar na ampliación da rede pública de Puntos de Encontro Familiar (PEF), para o que ten xa iniciados os traballos para a posta en marcha de tres novos nas comarcas da Mariña, do Deza e de Monterrei. Así o indicou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia.

Jacobo Rey explicou que na actualidade contan con PEF as sete grandes cidades de Galicia e a comarca do Barbanza. Cos tres novos que se abrirán en comarcas pertencentes ás provincias de Lugo e Ourense darase un servizo de proximidade para que as familias que viven nestas contornas non teñan que desprazarse longas distancias.

Así mesmo, o director xeral sinalou que se seguirá adiante coa modernización e mellora da comodidade dos PEF existentes. De feito, apuntou que o Executivo autonómico destinará neste ano 2023 máis de dous millóns de euros ao funcionamento e mellora destes servizos, que son fundamentais para normalizar as relacións familiares.

Jacobo Rey lembrou que desde o ano 2020 os PEF das cidades galegas abren os sete días da semana —fronte aos catro en que o facían ata entón— e que a día de hoxe a lista de agarda nestes puntos é practicamente cero. Ademais, explicou que de cara ao mes de agosto, no que os PEF poden pechar 15 días, reorganízanse as visitas e intercambios para non prexudicar ás familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2023