A Xunta destaca en Ferrol o esforzo de pemes e profesionais para maximizar o impacto positivo do deseño marca Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou no VI Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, no que interviron empresas referentes na aplicación do deseño para impulsar a competitividade económica, a innovación inclusiva, o emprendemento social e o desenvolvemento sustentable

Lembra a próxima convocatoria da liña de axudas DeseñaPeme e dos IV Premios Galicia de Innovación e Deseño

Ferrol, 29 de xuño de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou hoxe en Ferrol o esforzo que profesionais e pemes realizan para que o deseño marca Galicia teña o máximo impacto no crecemento económico, no benestar social e na sustentabilidade medioambiental. Este foi o tema central do VI Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, celebrado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación no CIS Tecnoloxía e Deseño e que contou tamén coa participación da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Durante a apertura do evento, Argerey lembrou a próxima convocatoria da liña de axudas DeseñaPeme e dos IV Premios Galicia de Innovación e Deseño, no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024– Diferenza. A directora da Axencia Galega de Innovación contextualizou as actuacións do programa na promoción de solucións innovadoras e sustentables para os retos actuais mediante a creación dun ecosistema de deseño forte e capaz de contribuír á innovación e á competitividade empresarial.

As axudas DeseñaPeme buscan contribuír a que o deseño estratéxico se converta nun elemento relevante e habitual na planificación, nos procesos e no modelo de negocio das pemes galegas. Segundo resaltou a directora da Axencia Galega de Innovación, este ano convócanse conxuntamente coas axudas InnovaPeme para permitir que as empresas poidan aproveitar as sinerxías que supoñen as dúas convocatorias, coa opción de presentarse ás dúas simultaneamente.

Argerey animou aos profesionais e empresas participantes no encontro a presentar os seus proxectos a DeseñaPeme, así como tamén as súas candidaturas aos Premios Galicia de Innovación e Deseño, que terán a súa convocatoria aberta ata o 30 de setembro. Sobre o valor destes galardóns, destacou que buscan non só recoñecer o labor das persoas e empresas que están a contribuír significativamente ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño, senón tamén poñer en valor a potente simbiose entre deseño e innovación como panca de competitividade e crecemento.

As persoas participantes no encontro celebrado hoxe en Ferrol coñeceron de primeira man a experiencia de seis empresas galegas que, segundo subliñou a directora da Axencia Galega de Innovación, ademais de formar parte do principal músculo económico de Galicia por tratarse todas elas de pemes, son referentes na aplicación do deseño para impulsar a competitividade económica, a innovación inclusiva, o emprendemento social e o desenvolvemento sustentable. 

O despacho de avogados Gabeiras & Asociados, o estudio de deseño Desoños, a consultora de deseño estratéxico DesignThinking.gal, a empresa de solucións dixitais para a atención persoas maiores Envita, a consultora especializada en sustentabilidade nos sectores primarios Sinerxia Plus e a fabricante de accesorios para mascotas The Painter's Wife compartiron as súas boas prácticas e claves de éxito na aplicación do deseño como ferramenta de impacto económico, social e medioambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2023