A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, respondeu hoxe no Parlamento de Galicia a unha pregunta oral sobre esta medida

Fabiola García agarda que a gratuidade das escolas infantís logre asentarse no debate político a nivel nacional

Destacou o crecente interese que esta medida esperta nas familias, no sector e noutros gobernos autonómicos que se teñen interesado por ela

Lamentou que o Executivo central non contribúa no financiamento da gratuidade, á que a Xunta destina cada ano 55 millóns de euros de fondos propios

Puxo en valor outros apoios que a Xunta presta ás familias galegas, como as casas niño, as casas do maior, a Tarxeta benvida ou o Bono concilia familia

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, manifestou hoxe o seu desexo de que a gratuidade das escolas infantís logre asentarse no debate político a nivel nacional, para que o resto de Comunidades poidan beneficiarse desta medida que en Galicia “chegou para quedarse”. Fíxoo no Parlamento autonómico nunha resposta a unha pregunta oral sobre esta medida da que se benefician este curso 31.000 familias galegas, que non teñen que pagar nada pola atención educativa de 0 a 3 anos dos seus fillos.

 

Fabiola García asegurou que a gratuidade das escolas infantís é un dos fitos que máis marcarán a vida das familias nos próximos anos e destacou o crecente interese que esta esperta nas familias, no sector e noutros gobernos autonómicos que se teñen interesado por como está a aplicar Galicia esta medida. Neste sentido, congratulouse que nos últimos días a gratuidade lograra situarse no debate político a nivel nacional e lembrou que en Galicia comezou a implantarse xa no ano 2020 en todos os centros para os segundos fillos e sucesivos e que este curso se ampliou tamén aos primeiros.

 

A conselleira lamentou que o Goberno central, pese a que se lle solicitou en varias ocasións, non contribúa ao financiamento da gratuidade en Galicia, á que a Xunta destina cada ano 55 millóns de euros de fondos propios.

 

Ao carón das familias

Fabiola García reafirmou a aposta firme no apoio ás familias que nos últimos anos está a facer o Executivo autonómico, o que converte a Galicia nunha referencia para outras Comunidades en materia de conciliación. Neste sentido, referiuse a medidas pioneiras neste ámbito que, como a da gratuidade nas escolas infantís, fixeron que a nosa Comunidade tomara a dianteira con respecto a outras.

 

Algunhas destas iniciativas das que deu conta a conselleira foron a aprobación da primeira Lei de Impulso Demográfico de toda España, o impulso da conciliación no rural a través das casas niño e das casas do maior ou o incremento de axudas directas para apoiar ás familias coa Tarxeta benvida e o Bono concilia familia.

Data de actualización: 28/06/2023