A Xunta comeza as obras do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo, que suporá un investimento de máis de 14,8 M€

As obras teñen un prazo de execución de 18 meses e inclúen a remodelación da distribución interior do antigo edificio da Audiencia Provincial e a renovación das fachadas, adaptándoas ás necesidades de iluminación para crear espazos sanitarios

O novo centro unificará a atención sanitaria do barrio das Travesas e incrementará a carteira de servizos de atención primaria que se prestan na actualidade, como son os de Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia, beneficiando a 42.000 persoas

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

A Xunta comezou as obras de construción novo Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo, que suporán un investimento de máis de 14,8 M€.

 

Esta actuación, que ten un prazo de execución de 18 meses, iniciouse polos traballos previos de movemento de terras.

 

As obras consisten na execución do novo centro de saúde que ocupará o espazo do antigo edificio da Audiencia Provincial, na rúa Lalín. O novo centro integral de saúde situarase nas proximidades da praza de América, entre os barrios das Travesas e Coia.

En concreto,remodelarase a distribución interior do edificio, xa que está adaptada ao uso xudicial anterior.

 

As súas fachadas tamén serán renovadas, adaptándoas ás necesidades de iluminación natural requiridas para crear espazos sanitarios de calidade.

 

As instalacións, con 7.619 m² construídos, albergarán servizo de urxencias, unha área asistencial con 20 consultas de medicina xeral, 20 de enfermería, 8 de pediatría, 8 de enfermaría pediátrica, 2 de odontoloxía e áreas da muller, de rehabilitación, de telemedicina, de administración e a base do 061.

 

Será un edificio funcional e acolledor, cunha envolvente que garante a posibilidade de que a maioría dos postos de traballo e estancia de pacientes dispoñan de luz natural e contacto co exterior.

 


Distribución

No soto situarase unha base para o 061, cun funcionamento autónomo con respecto ao centro de saúde; tamén as instalacións do edificio, vestiarios e unha zona de carga e descarga e subministros.

 

Na planta 0 estará a recepción, así como as urxencias, con dúas salas polivalentes e unha de observación. Neste andar situarase tamén a área de traballo social e a de rehabilitación, que contará con 2 consultas de fisioterapia, ximnasio e 6 cabinas.

 

O primeiro andar dedicarase a área integral de atención pediátrica, de modo que se minimicen os percorridos dos cativos polo edificio.

 

O segundo e o terceiro andar contarán con consultas de medicina e de enfermaría; e o cuarto combina unha zona de consultas de medicina e enfermería cun espazo central dedicado a farmacia e odontoloxía. Na parte oeste concéntrase a área de atención á muller, cunha aula de preparación ao parto e dúas consultas de matronas.

 

O quinto andar disporá de salas de docencia, espazos de telemedicina, despachos de administración e a sala de xuntas.

 

O novo CIS Olimpia Valencia

O novo Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo mellorará os servizos sanitarios da cidade, unificará a atención sanitaria do barrio das Travesas e incrementará a carteira de servizos de atención primaria que se prestan na actualidade.

 

O futuro centro sanitario beneficiará unha poboación de 42.000 persoas, substituíndo o centro de saúde de López Mora, que está obsoleto.

 

Ademais, permitirá completar a carteira de servizos de atención primaria e dotar esa zona daquelas prestacións que, a día de hoxe, non están dispoñibles en ningún dos seus centros de saúde, como Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2023