O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo mantivo hoxe unha videoconferencia con representantes de entidade financeira

A Xunta reclama á Sareb a cesión gratuíta de vivendas para destinalas a alugueiro social

Heriberto García demanda información clara e precisa sobre o número de vivendas en Galicia, emprazamento, estado de conservación e dispoñibilidade de licenza de primeira ocupación ante os datos contraditorios feitos públicos nos últimos meses

A petición do Goberno autonómico conta co apoio do Parlamento galego, no que se aprobou por unanimidade unha proposta neste sentido

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia reclamou hoxe á Sociedade de xestión de activos procedentes da reestruturación bancaria (Sareb) a cesión gratuíta de vivendas para destinalas a alugueiro social, así como detalles sobre o número e condicións das vivendas que a entidade ten en Galicia e que son susceptibles de ser cedidas á comunidades autónoma.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, mantivo hoxe unha videoconferencia con representantes da Sareb para avanzar na cesión de vivendas á Xunta, despois dos contactos mantidos nas semanas anteriores.

Durante a xuntanza, García expuxo a necesidade de que a entidade financeira, como sociedade maioritariamente participada polo Estado, ceda gratuitamente ao Executivo galego vivendas da súa propiedade para que este as poida destinar a alugueiro social integrándoas no parque público de vivenda propiedade da Xunta. Neste sentido, a director xeral do IGVS lembrou que a solicitude está avalada polo Parlamento galego, no que se aprobou por unanimidade unha proposta en tal sentido.

Ao mesmo tempo, o director xeral do IGVS demandou por parte da Sareb máis claridade e transparencia respecto das vivendas das que dispón en Galicia. Así, lembrou que o pasado mes de abril comunicou ao organismo que unicamente dispoñía na Comunidade de 42 vivendas para a súa cesión, resultando que 39 delas carecen de licenza de primeira ocupación e, polo tanto, non están en condicións de ser habitadas.

Posteriormente, en resposta á demanda de información e aclaracións do IGVS, a sociedade indicou que dispoñía de 479 vivendas en comercialización, modificando esta cifra nunha comunicación posterior e reducíndoa a só 302.

Por todo o exposto, Heriberto García puxo de manifesto a profusión de datos contraditorios ofrecidos polo Goberno central e a sociedade pública sobre o número de vivendas existentes en Galicia, e reclamou que a Sareb identifique claramente cales son as que está en disposición de ceder á Xunta, o seu emprazamento, o cumprimento das normas de habitabilidade e a dispoñibilidade ou non da licenza de primeira ocupación.

Tamén demandou que as vivendas que se lle ofrezan ao Executivo galego se retiren do proceso de comercialización durante o tempo que sexa necesario para que os técnicos do IGVS poidan visitalas para coñecer o seu estado e determinar así cales cumpren os requisitos necesarios para pasar a formar parte do parque público residencial propiedade do Goberno autonómico.

Así mesmo, García indicou que as vivendas que ofreza a sociedade estatal deberán estar emprazadas en concellos onde exista demanda de vivenda en alugueiro, xa que de nada serve a súa cesión en municipios onde non son necesarias.

Pola súa parte, os representantes de Sareb indicaron que no mes de xullo remitirán ao IGVS un novo listado coas vivendas dispoñibles en Galicia, indicando que practicamente non dispoñen de vivendas nas cidades e concellos do seu entorno metropolitano, no que se concentra a maior demanda residencial en réxime de alugueiro, e que a única vía prevista pola sociedade para ceder vivendas ás comunidades autónomas é a súa venda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2023