A Xunta clausura en Bruxelas o proxecto europeo “Aych” de creatividade e tecnoloxía para a mocidade

A Fundación Galicia Europa formou parte da iniciativa, entre outras entidades galegas e de diversos países europeos, para fomentar a innovación na mocidade atlántica que afronta problemas comúns

Bruxelas, 28 de xuño de 2023.- A Fundación Galicia Europa (FGE), o órgano de representación da Xunta ante a Unión Europea, clausurou na súa oficina de Bruxelas o proxecto europeo Atlantic Youth Creative Hubs (Aych), no cal participa a través do programa EuroXuventude. O peche, que repasou as actividades desenvolvidas e o seu impacto, contou coa presenza de mozas e mozos participantes, así como das entidades colaboradoras de Galicia, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido.

O proxecto Aych busca fomentar a innovación na mocidade, vinculando as pemes con novos talentos e coñecementos para que os máis novos poidan seguir carreiras ou itinerarios educativos no sector creativo. Así, impúlsase o espírito empresarial, o emprendemento e a educación na mocidade nos ámbitos creativo, dixital e tecnolóxico no Espazo Atlántico.

As actividades desenvolvidas foron as chamadas creative jams, obradoiros que unen a xuventude, socios, axencias e tomadores de decisións para facilitar a oportunidade de ser creativos. No eido informático, leváronse a cabo os chamados hackatons, similares en forma pero de xeito dixital. Galicia acolleu dúas destas actividades, unha en Santiago de Compostela e outra en Lugo. Ademais, Galicia estivo representada no evento Aych celebrado en Nantes o pasado mes de maio.

A coordinadora técnica de Políticas Europeas da FGE en Bruxelas, Vanessa Lobo, valorou o interese da mocidade participante por progresar e mellorar o estado das súas comunidades. Lobo lembrou os problemas comúns que afrontan as rexións atlánticas europeas, pero mostrou a súa confianza nas novas xeracións e a súa capacidade para afrontalos.

#EuroXuventude 

A plataforma #EuroXuventude é o espazo para a mocidade galega no que poden consultar os proxectos e oportunidades que ofrece a Unión Europea para eles e elas. Froito da colaboración entre a Fundación Galicia Europa e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o seu obxectivo é promover unha mocidade e cidadanía galega activa e participativa no proceso de construción comunitaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2023