A Xunta activa a nova convocatoria de programas integrados para que concellos e entidades sen ánimo de lucro formen 4.600 persoas desempregadas

O Diario Oficial de Galicia publica a nova convocatoria desta iniciativa plurianual para 2023-2024 coa que se estima poñer en marcha 46 programas

O Goberno autonómico destina a esta orde un total de 10,2 millóns de euros

Cada acción contará con 100 participantes coa esixencia de que polo menos o 35% accedan ao mercado laboral durante a duración do proxecto

Impulsaranse proxectos innovadores, vencellados co territorio e que promovan medidas de conciliación

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria 2023-2024 dos programas integrados de emprego (PIE) que, cun investimento de máis de 10,2 millóns de euros, permitirán a posta en marcha de 46 accións para formar unhas 4.600 persoas desempregadas.

Poden solicitar as achegas ata o próximo 28 de xullo entidades locais, xuntas ou agrupadas, e organizacións con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro, que serán as encargadas de deseñar os programas.  

En cada un dos PIE tomarán parte 100 persoas desempregadas. Polo menos o 35% serán inseridas no mercado laboral durante a duración do proxecto, ben por conta allea (mínimo de 90 días de cotización en vida laboral a xornada completa ou 60 días a xornada parcial); por conta propia (iniciar no mesmo prazo ou nos 3 meses posteriores a esta formación unha actividade), ou como socios/as traballadores/as dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non menor de seis meses.

A Administración autonómica ofrece bolsas para incentivar a asistencia dos demandantes de emprego a estas accións que, na presente anualidade, elevan o seu importe dos 7 euros aos 10 euros por día. Tamén asume a Xunta de Galicia os custos salariais do persoal necesario para impartir os PIE, así como de desprazamento de dito persoal e gastos materiais e equipamentos técnicos, entre outros.

A Xunta fixa como destinatarias prioritarias dos programas, entre outros colectivos, as persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30, maiores de 45 anos, inmigrantes ou parados de longa duración.

A través desta nova convocatoria fomentaranse os proxectos innovadores que se caractericen pola utilización das novas tecnoloxías. Tamén as actividades que propoñan medidas de conciliación e que estean vencelladas co territorio onde se imparten.

A actuación enmárcase no Plan galego de formación para o emprego ao que o Goberno autonómico está a destinar este ano máis de 125 millóns de euros para mellorar a cualificación profesional de persoas traballadoras ocupadas e desempregadas, a competitividade das empresas e dar cobertura ás vacantes laborais existentes na actualidade.

Data de actualización: 28/06/2023