A conselleira de Promoción do Emprego resalta a contribución de Jesús Alonso á fronte de Jealsa por “crear oportunidades” desde o emprendemento

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na entrega dos primeiros premios ás boas prácticas en contratación responsable, convocados polas empresas sociais -Properdis e Servinserta- da marca Amicos.org. Correspondeu á representante da Xunta de Galicia outorgar o recoñecemento póstumo honorífico á traxectoria de Jesús Alonso, fundador de Jealsa hai 65 anos, de quen destacou o seu percorrido emprendedor á fronte da conserveira española con maior facturación.

Tal e como subliñou Rivo, máis de 3.800 persoas integran o capital humano de Jealsa que foi, e é, dixo, fonte de creación de emprego na comunidade, “seguindo principios e premisas que comparte a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade”. A conselleira puxo así en valor medidas como a flexibilidade horaria, de prevención do acoso laboral e a violencia de xénero, para a inserción laboral de persoas con discapacidade ou mesmo o plan de igualdade que se atopa en proceso de negociación para actualizalo. “Este premio supón un recoñecemento ao voso compromiso coa creación de oportunidades para todas as persoas e coa consolidación dun tecido produtivo forte e competitivo”, indicou no acto de entrega do galardón, no que tivo palabras de parabéns tamén para o resto de empresas e administracións recoñecidas nestes primeiros premios, entre as que se encontran a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o Parque Nacional Illas Atlánticas, Viaqua, Vegalsa, Gran Bazán ou Cabañitas del Bosque.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2023