Unha xornada de difusión amosará este mércores 28 a restauración da Capela das Reliquias da igrexa do Colexio do Cardeal, en Monforte

Cun investimento de máis de 100.000 €, está previsto que a intervención remate este verán

O obxectivo é solucionar as patoloxías do retablo e reintegrar a súa policromía, así como recuperar o chan de pedra orixinal

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023 A Capela das Reliquias da igrexa do Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos, no concello lucense de Monforte de Lemos, acollerá estes mércores día 28 unha xornada de difusión dos traballos de restauración que se están a desenvolver neste espazo a través dunha achega de máis de 100.000 euros por parte da Xunta de Galicia.

A cita terá lugar a partir das 20,30 horas e contará coa participación de María Dolores Lago Arce, adxudicataria do contrato de servizos impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Así, a xornada dará a coñecer entre a veciñanza a actuación de mellora das condicións de conservación dos elementos singulares integrantes do patrimonio cultural da Ribeira Sacra para a súa difusión e posta en valor, como parte do compromiso da adxudicataria da obra incluído no contrato público.

O obxectivo da actuación, que está previsto rematar este verán, é reparar as patoloxías que presenta o retablo da capela, que consisten en problemas de ancoraxe ao muro con desprazamentos e perdas de pezas, así como no ataque puntual  de insectos xilófagos no soporte lígneo. En canto a policromía, presentaba oxidación de vernices, desnaturalización e manchas de ceras.

Para solucionalos, a intervención inclúea toma de mostras, a limpeza e desinsectación do retablo, consolidando tanto o muro traseiro como o soporte. Tamén se acomete unha limpeza e fixación da policromía e se trata cunha protección final. Estes mesmos tratamentos e intervencións aplícanse no teito policromado, nos relicarios e tallas. Así mesmo, recupérase o chan de pedra orixinal.

Data de actualización: 27/06/2023