A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, abordou co alcalde, Francisco Quintela, a resolución de encomenda que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia

A Xunta encomenda a Tragsa as obras para dotar de saneamento o núcleo da Anta, en Coirós, que se iniciarán a finais de xullo cun investimento de máis de 277.000 €

Vázquez Mourelle explica que se executará unha depuradora para dar servizo a unha poboación de 50 habitantes e unha rede de 2 colectores de preto de 1 km de lonxitude

A previsión é que os traballos poidan estar rematados en novembro

A intervención enmárcase no convenio entre a Xunta, que executa e financia a actuación achegando o 60% do custo, e o Concello que asume o 40% restante

Este verán quedará finalizada a mellora do saneamento nos núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, en San Salvador de Colantres
 

Coirós (A Coruña), 27 de xuño de 2023.- A Xunta vén de encomendarlle á empresa pública Tragsa as obras para dotar de saneamento o núcleo da Anta, no concello de Coirós, que se iniciarán a finais de xullo cun investimento de máis de 277.000 €.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde, Francisco Quintela, para abordar a resolución desta encomenda que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.
Vázquez Mourelle explicou que se vai executar unha depuradora e unha rede de dous colectores que permitirá dotar de servizo de saneamento municipal aos veciños da Anta, do que carecen actualmente, e só dispoñen de fosas sépticas individuais. Os traballos contan cun prazo de execución de 3 meses, polo que se prevé que estean rematados en novembro.
Máis en concreto, os traballos teñen como obxectivo mellorar as condicións de salubridade deste núcleo, acometendo unha rede de 2 colectores en PVC de preto de 1 km de lonxitude con 15 pozos de rexistro. Ademais executarase unha depuradora que dará servizo a unha poboación de 50 habitantes equivalentes no ano horizonte de 2044.
A depuradora disporá dunha arqueta con reixa de desbaste, construída en formigón armado prefabricado con reixa manual para a separación de sólidos e finos; decantador primario; cámara de descarga; leito bacteriano; arqueta de rexistro e inspección e pozo filtrante con aliviadoiro.
A intervención que se vai levar a cabo enmárcase no convenio selado entre a Xunta, que executa e financia a actuación achegando o 60% do custo; e o Concello de Coirós, que asume o 40% do investimento restante, ademais de realizar os trámites municipais necesarios.
A intervención será financiada con fondos europeos no marco do eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte de resposta da Unión á pandemia da covid-19.
Esta actuación súmase ás obras en execución de mellora do saneamento nos núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, na parroquia de San Salvador de Colantres, que se rematarán este verán cun investimento conxunto, entre Xunta e Concello, de 810.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2023