A Xunta imparte un curso para a formación de asesores centrado na prevención de riscos laborais nas granxas de gando vacún

Este módulo enmárcase dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, para a formación de asesores co fin de ofrecer unha mellor atención á cidadanía

Este curso abordou as medidas preventivas dentro das instalacións das explotacións, o manexo dos animais ou a manipulación de elementos químicos, entre outros

Impartiuse no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, onde houbo diversas charlas informativas
 

Abegondo (A Coruña), 27 de xuño de 2023.- A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, impartiu un módulo sobre prevención de riscos laborais nas granxas de gando vacún. Neste encontro que tivo lugar hoxe no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), houbo varias charlas formativas orientadas a profesionais da Consellería co obxectivo de ofrecer unha mellor atención á cidadanía.

 Este curso está enmarcado dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Neste caso, o módulo tratou temas relacionados co manexo do gando vacún e as medidas preventivas nas explotacións gandeiras, xa sexa cos equipos de traballo como coas propias instalacións.
 
Ademais, tamén se tratou a protección da maternidade, os primeiros auxilios e a vixilancia da saúde dos animais, no marco deste módulo que se especializa na prevención dos riscos nas explotacións de gando vacún de leite e carne.

 

Data de actualización: 27/06/2023