A Xunta mellora as instalacións do distrito forestal Verín-Viana para reforzar a loita contra os incendios
José González destacou que se trata dun centro de distrito “mellor equipado, para responder ás esixencias da área xeográfica con maior incidencia de incendios”
As instalacións acollen tamén os vehículos todoterreo e os camións motobomba e no futuro disporán de dependencias para vestiarios, almacén, sala de exercicio e zona de lecer
O conselleiro mencionou tamén outros fitos na defensa contra o lume nesta bisbarra de Monterrei, como son a futura primeira base de medios aéreos transfronteiriza entre España e Portugal ou a prevención cos instrumentos da Lei de recuperación
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, visitou hoxe as novas instalacións do distrito forestal XIV Verín-Viana, situadas no polígono de Pazos, en Verín.
Labores de prevención
A maiores, José González subliñou os labores de prevención que se levan a cabo nesta zona, para acadar unha anticipación ao lume e limitar as súas consecuencias. Faise, explicou, esencialmente a través dos instrumentos que facilita a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste contexto, cómpre mencionar as aldeas modelo de Carzoá, en Cualedro, ou de Infesta, en Monterrei, así como os polígonos agroforestais de Oímbra, Cualedro e Monterrei, en distintas fases de execución.
O conselleiro fixo tamén referencia ao novo fondo público-privado posto en marcha pola Xunta para anticiparse aos incendios forestais da comunidade e destacou a aportación de nove millóns de euros por parte de Inditex. Estes cartos servirán, dixo, para “recuperar o territorio e facelo máis resistente fronte aos incendios forestais naquelas zonas afectadas de xeito recorrente” e sinalou que dentro das áreas de actuación está a comarca de Monterrei.