A Xunta adxudica por preto de 1,2 M€ a mellora do firme de 5 estradas autonómicas das comarcas de Ferrolterra e de Betanzos

Actuarase no firme das estradas AC-102, AC-116, AC-122, AC-133 e AC-160 nos concellos de Cerdido, Cedeira, Narón, Valdoviño, Cabanas, Fene, Mugardos, Miño e Vilarmaior

Estes traballos comezarán a finais do vindeiro mes de xullo e contan cun prazo de execución de 6 meses

As obras consistirán na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, ademais do repintado das marcas viarias

Este contrato inclúe tarefas adicionais, como a limpeza e o reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón
 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por un importe de 1.182.081 euros as obras de mellora do firme en 5 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Ferrolterra e de Betanzos.

As actuacións, adxudicadas á empresa Lancer Proyectos y Obras, S.A., teñen como obxectivo o acondicionamento do firme en varios treitos das estradas AC-102, nos concellos de Cerdido e de Cedeira; na AC-116, ao paso polos concellos de Narón e de Valdoviño; na AC-122, en Cabanas, en Fene e en Mugardos; na AC-133, no seu percorrido polos municipios de Fene e de Mugardos; e na estrada AC-160, nos concellos de Miño e de Vilarmaior.

A previsión é comezar os traballos a finais do vindeiro mes de xullo. As obras contan cun prazo de execución de 6 meses.

As intervencións obxecto deste contrato consisten na rehabilitación localizada do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación en varios treitos destas 5 estradas, completado as obras co repintado das marcas viarias.

Ademais, os traballos incluirán outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.

Data de actualización: 27/06/2023