A Xunta adxudica as obras para a instalación dun bypass na tubaxe entre Pazos de Arenteiro, en Boborás, e Leiro para avanzar na mellora do abastecemento municipal

Este contrato, adxudicado por máis de 48.000 €, consiste na colocación dun desvío provisional na tubaxe deste tramo que cruza o río Avia ata o núcleo de Osebe, en Leiro

A actuación é necesaria para poder levar a cabo unha intervención máis ampla que consiste na renovación da tubaxe, mantendo o servizo do abastecemento á poboación

Renovarase a tubaxe existente e instalaranse ventosas para a eliminación do aire que se acumule na rede e válvulas de baleirado nos puntos baixos, coa finalidade de solucionar os problemas de abastecemento no concello de Leiro

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2023

A Xunta vén de adxudicar a instalación dun bypass na tubaxe entre Pazos de Arenteiro, en Boborás, e Leiro para avanzar na mellora do sistema municipal de abastecemento.

 

Este contrato, adxudicado á empresa Proyecon Galicia, S.A. por un importe de máis de 48.000 € e cun prazo de execución de 4 meses, consiste na colocación dun desvío provisional na tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, ata a potabilizadora de Leiro.

 

A intervención é necesaria para acometer unha actuación máis ampla, que suporá un investimento de 360.000 € e que consiste na renovación da tubaxe desde Pazos de Arenteiro á estación de tratamento de auga potable de Leiro. Esta actuación permitirá resolver os problemas de funcionamento que se producen neste treito de condución que abastece a potabilizadora e o depósito de Leiro.

 

Para poder levar a cabo os traballos de renovación da tubaxe mantendo o servizo do abastecemento é necesario realizar un by-pass provisional desde o tramo que cruza o río Avia ata o núcleo de Osebe, que é a obra recollida no contrato que se vén de adxudicar.

 

Coas obras previstas, executaranse as actuacións deseñadas por Augas de Galicia para garantir o abastecemento á poboación: coa renovación da rede municipal mediante a substitución da tubaxe existente e a instalación de ventosas para a eliminación do aire que se acumule na rede e válvulas de baleirado nos puntos baixos.

 

O proxecto forma parte do convenio asinado entre a Xunta e os Concellos de Boborás e de Leiro. Tal e como establece ese acordo, a administración autonómica executará a actuación, que cofinancia nun 80 %, comprometéndose as entidades locais a realizar os trámites e a poñer á disposición os terreos necesarios, ademais de cofinanciar o 20% restante do importe das actuacións que corresponden cos seus respectivos servizos municipais.

 

As intervencións son financiadas no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Data de actualización: 26/06/2023