A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse na parcela da antiga estación de autobuses de Santiago coa dirección de obra e con responsables da empresa que acometerá a 1ª fase do novo edificio administrativo, cun investimento de 34,6 millóns de euros

A Xunta aborda a organización das obras da cidade de San Caetano, que comezarán a mediados de xullo e permitirán crear un espazo público de maior calidade coa máxima integración na contorna

Vázquez Mourelle destaca a imaxe renovada e a optimización de espazos da administración que suporá a Cidade de San Caetano, mellorando a atención aos cidadáns, modernizando o espazo de traballo e evitando un gasto en alugueiros de máis de 1,1 millóns de euros ao ano

Avanza que as obras deberán coordinarse nas súas primeiras fases cos traballos en execución da reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri, que rematarán no outono tras un investimento da Xunta de 1,6 millóns de euros, avanzando o conxunto na posta en valor da contorna

Coa primeira fase da Cidade de San Caetano executaranse os 2 primeiros módulos do edificio, con 7 unidades administrativas e capacidade para 700 traballadores, nunha superficie útil de 12.172,93 m2

Seguirán o esquema en espiña de peixe cun vestíbulo xeral que conecta os distintos usos e niveis, dando acceso os dous bloques, entre os que se disporá un patio interior con arboredo

Destaca na solución construtiva as cubertas axardinadas e o seguimento dos principios do Nearly Zero Building, unha técnica que procura a máxima xeración de enerxía, case autónoma, cunha instalación de xeotermia e paneis fotovoltaicos na cuberta

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2023

A Xunta abordou hoxe a organización dos traballos de execución da Cidade de San Caetano, que se iniciarán a mediados de xullo e permitirán conformar un espazo público de maior calidade coa máxima integración na contorna.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, achegouse hoxe á antiga parcela da estación de autobuses de Santiago para manter sobre o terreo un encontro coa dirección de obra e con responsables da empresa encargada da execución da 1ª fase do novo edificio administrativo da Xunta, a UTE Acciona Construción e Acciona Industrial, tras ter xa realizado o acto administrativo de sinatura do contrato.

Segundo explicou a conselleira, para acadar unha maior optimización nos espazos interiores e gañar en funcionalidade, e tamén para lograr no aspecto exterior do novo edificio administrativo unha maior integración na contorna, propuxéronse pequenos axustes, oportunos e acaídos.

Son axustes que, en todo caso, non modifican o substancial da obra, nin o volume nin a capacidade do edificio, pero mellorarán a integración co actual Complexo de San Caetano no deseño da pérgola da Praza de Camilo Díaz Baliño e permitirán abrir máis o patio do edificio á avenida de Rodríguez de Viguri, en coordinación coa obra en execución desta rúa. Isto permitirá conformar un espazo de maior calidade entre a Cidade de San Caetano, modificando tamén a configuración do acceso ao aparcadoiro soterrado.

A titular de Infraestruturas fixou o inicio, a mediados de xullo, das obras desta 1ª fase da Cidade de San Caetano, ás que destinará un investimento de 34,6 millóns de euros conformando un gran centro de actividade administrativa que concentrará nun único espazo servizos da Xunta agora espallados pola cidade.

Concretou que nas primeiras semanas se realizarán os traballos de implantación: coa disposición das casetas de obra; as instalacións de seguridade e saúde; a implantación de oficinas; instalacións para a xestión de residuos, ademais da chegada da maquinaria necesaria, como a instalación da primeira grúa torre. Xa a partir de agosto comezarase coas perforacións verticais para seguir logo co movemento de terras necesario e iniciando as cimentacións.

Fixo fincapé en que estes traballos se realizarán de xeito coordinado coas obras que está a acometer o departamento que dirixe na avenida de Rodríguez de Viguri, que se iniciaron en maio e nas que se está avanzando, co fin de habilitar unha parada de intercambio modal que dea servizo, fundamentalmente, aos edificios administrativos de San Caetano.

Agora mesmo, a parcela que albergará a Cidade de San Caetano está a ser usada para depositar o material e os escombros da obra de Rodríguez de Viguri, facilitando eses traballos. Esta circunstancia terase moi en conta para a organización e desenvolvemento das primeiras intervencións do novo edificio administrativo, estando previsto finalizar en outono os traballos da gran marquesiña e de reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri na contorna de San Caetano, logo dun investimento da Xunta de 1,6 millóns de euros.

Tal e como trasladou Vázquez Mourelle, a 1ª fase de execución da Cidade de San Caetano, comprenderá os 2 primeiros módulos do edificio, cunha superficie útil de máis de 12.000 m² e unha configuración flexible que permitirá albergar 7 unidades administrativas e arredor de 700 empregados públicos.

Estes dous primeiros módulos seguirán o esquema de espina de peixe, cun vestíbulo que permitirá conectar os distintos usos e niveis, dando acceso aos dous bloques, que contarán cun patio interior con árbores. Cada un dos edificios disporá de 4 andares, 2 baixo a cota do acceso principal desde a praza de Camilo Díaz Valiño e outros 2 sobre esa superficie.

A conselleira destacou na solución construtiva as cubertas axardinadas e as solucións para acadar a máxima eficiencia enerxética, seguindo os principios do Nearly Zero Building. Trátase dunha técnica construtiva que procura a máxima xeración de enerxía, case autónoma, cunha instalación de xeotermia e paneis fotovoltaicos na cuberta.

O novo edificio administrativo Cidade de San Caetano permitirá mellorar a atención aos cidadáns, modernizar o espazo de traballo de preto de 700 empregados públicos, evitar un gasto en alugueiros de máis de 1,1 millóns de euros/ano e achegar valor engadido a este ámbito da cidade, que estará máis ordenado e integrado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2023