A Xunta abre a convocatoria de axudas a microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, dotada con 90.000 euros, dirixida a ONGD e aos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento

Financiaranse gastos relacionados con infraestruturas, materiais e de persoal para poñer en marcha a intervención

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2023 A Xunta abre a convocatoria de axudas a microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior cunha dotación de 90.000 euros, segundo se recolle no Diario Oficial de Galicia de hoxe. A iniciativa está dirixida ás ONGD e a outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento. En ambos os casos, os beneficiarios deben estar inscritos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Segundo a orde publicada, enténdese por microproxectos aquelas intervencións puntuais, de limitada intensidade, de duración non superior aos 12 meses que teñan por obxecto fortalecer ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio. A Xunta financiará ata o 95 % do orzamento total de cada iniciativa ata un máximo de 30.000 euros. O período de execución é dun ano, desde o pasado xaneiro ata o 31 de decembro de 2023.

Entre os gastos subvencionables figuran tanto os directos imprescindibles para poñer en marcha e a execución da intervención tales como os custos de aluguer, construción ou reforma de inmobles e infraestruturas necesarios para levar a cabo a iniciativa; equipos informáticos e outro material e equipamento vinculado á actividade; gastos de persoal; servizos técnicos e profesionais; viaxes e aloxamentos; ademais de gastos financeiros, de asesoría xurídica e rexistrais e periciais. Tamén se inclúen os gastos correntes de funcionamento no país onde se execute o microproxecto.

As ONGD e axentes de cooperación inscritos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e interesados na medida deberán presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) no prazo dun mes contado dende mañá.

Cómpre lembrar que a Xunta conta con outra liña de axudas anual para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos por axentes de cooperación.

 

Data de actualización: 26/06/2023