O conselleiro do Medio Rural e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades están a realizar unha ruta de sendeirismo pola Senda de Pena Corneira

A Xunta estuda a recuperación do Castelo de Pena Corneira en Leiro para consolidar a conservación deste monumento natural

A Consellería do Medio Rural levará a cabo as primeiras actuacións para o estudo da escavación que recuperaría este castelo, que xa a realizaría posteriormente a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

José González referiuse a outras accións de recuperación impulsadas en Leiro, como o polígono agroforestal de Barzamedelle, no que están a piques de culminarse os traballos de roza e posta e punto, para poñer en produción esencialmente con viñedo

Román Rodríguez destacou a gran riqueza patrimonial de Leiro con bens como a Capela de San Pedro, o Mosteiro de San Clodio ou as igrexas de Santa María de Lamas e Santo Tomé de Serantes

Leiro (Ourense), 25 de xuño de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, están a realizar hoxe unha ruta de sendeirismo pola Senda de Pena Corneira, no concello ourensán de Leiro, co gallo de poñer en valor este enclave histórico que conta cun dos maiores monumentos naturais da nosa comunidade.

Con motivo da visita, os conselleiros anunciaron que a Xunta estuda a recuperación do castelo de Pena Corneira, mediante a colaboración das dúas consellerías. Así, a Consellería do Medio Rural levará a cabo as primeiras actuacións para o estudo da escavación que recuperaría este castelo, que xa a realizaría posteriormente a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Así, na ruta que están a desenvolver achegaranse primeiramente a Pena Corneira e ao miradoiro do Outeiral, para máis tarde visitar precisamente as ruínas do castelo de Pena Corneira e a Igrexa Románica de Santa María de Lamas. Estarán acompañados polo antropólogo Xesús Gulías, autor do libro O románico no Ribeiro, para coñecer de primeira man todas as particularidades deste patrimonio histórico.

Neste contexto, o conselleiro do Medio Rural aproveitou a ocasión para lembrar que estes recursos patrimoniais se atopan na comarca do Ribeiro, amplamente coñecida pola calidade dos seus viños, representada na denominación de orixe homónima. Ademais, no concello de Leiro estase a implementar o polígono agroforestal de Barzamedelle, que se destinará fundamentalmente a viñedo para esta denominación e no que están a piques de culminarse os traballos de roza e posta e punto.

En concreto, este instrumento, contemplado na Lei de recuperación da terra agraria, segundo lembrou José González, mobilizará 145,6 hectáreas de superficie, divididas en 183 parcelas propiedade de 113 veciños, co obxectivo de devolver á produción terras en estado de infrautilización e abandono con gran potencial agrario.

Durante a visita, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou a gran riqueza patrimonial de Galicia e a importancia de conservar, preservar e poñer en valor “un dos nosos tesouros máis prezados”. Neste senso, explicou que no concello de Leiro atópase unha boa representación con bens como a Capela de San Pedro, o Mosteiro de San Clodio, a Igrexa de Santa María de Lamas ou a Igrexa de Santo Tomé de Serantes, nos que a Xunta de Galicia investiu preto de 240.000 euros nos últimos anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2023