A Xunta organiza a semana que vén un seminario temático sobre o cultivo da mazá de mesa e sidra en Galicia

Está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria e terá lugar o próximo 28 de xuño no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, en Bergondo, e no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, en Abegondo

Este curso inclúe unha visita de campo o día 29 de xuño á Finca do Pazo de Des, un predio lalinense especializada no cultivo desta froita

O CIAM conta cun Banco de xermoplasma de maceiras para traballar na conservación e identificación desta árbore e do seu froito
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2023.- A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organizará o próximo 28 de xuño un seminario temático sobre o cultivo e a importancia da mazá de mesa e sidra en Galicia que terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, en Bergondo, e no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en Abegondo. Ademais, haberá unha visita de campo en Lalín o venres 29.

 

Este seminario céntrase na mazá, unha froita con gran importancia na nosa comunidade e que se adapta adecuadamente aos acondicionamentos naturais galegos. Así, nos últimos anos produciuse unha repunta importante de plantacións regulares de mazá de sidra, así como unha demanda cada vez maior cara a transformala en Galicia. Neste contexto, a produción de mazá na comunidade foise orientando pouco a pouco á sidra.

 

A maiores cómpre sinalar que no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, mantense un banco de xermoplasma de maceiras no que se vén traballando na conservación e identificación das castes autóctonas desta árbore e do seu froito, co obxectivo de lograr extraer características de interese comercial para unha produción de mazá de mesa en Galicia.

 

Deste xeito, o seminario técnico céntrase neste produto, alternando faladoiros e mesas redondas sobre a mazá de sidra e de mesa e a súa situación actual para comprender os seus modelos de cultivo. Tamén haberá conferencias impartidas por expertos sobre a produción de mazá de mesa no norte de Portugal e Galicia, así como unha visita ao campo de conservación das castes de mazá de cultivo tradicional do Banco de xermoplasma de Mabegondo.

 

Para finalizar o seminario, o día 29 de xuño haberá unha visita á Finca do Pazo de Des, un predio lalinense especializada no cultivo desta froita. Os interesados en acudir poden inscribirse nesta ligazón.

 
Ligazón ao formulario:

Data de actualización: 24/06/2023